A Deputación de Ourense deberá devolver 10 ME por fraude

Após ser investigada pola Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OELF), a institución terá de pagar os fondos europeos investidos nunhas depuradoras por "actos de fraude, corrupción ou outros actos ilegais". 

Baltar
photo_camera [Imaxe Deputación de Ourense]

Semanas após ser xulgado o expresidente da Deputación, Xosé Luís Baltar, polos 'enchufes' na Deputación de Ourense, o seu fillo e sucesor á fronte da institución, Xosé Manuel Baltar, terá de facer fronte ás consecuencias doutro dos desmáns do seu pai. 

A Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OELF) deu por rematada esta segunda feira (14 de xullo) a investigación arredor da xestión desenvolvida polo goberno provincial dunha das partidas procedentes de fondos estruturais europeos. E é que o executivo dos Baltar tería incorrido, segundo a OELF, en "actos de fraude, corrupción ou outros actos ilegais que atinxen os intereses financeiros da UE". 

No concreto, trátase duns fondos destinados ao financiamento de depuradoras rurais que após unha década da súa instalación amoréanse pola provincia perante a incapacidade dos concellos para facer fronte á súa instalación, mantemento ou conexión á rede eléctrica, segundo informa o diario El País

O Ministerio de Facenda sinala nun informe até 15 irregularidades no proceso administrativo das depuradoras

Neste senso, o organismo europeo --apoiándose na información requerida ao Ministerio de Facenda-- determina que os 10.123.053,05 millóns de euros achegados polas institucións comunitarias foron investidos através dun procedemento administrativo fraudulento. E é que Facenda sinala até 15 irregularidades baseadas en cuestións técnicas das máquinas, custes ou decisións políticas sen xustificación, a comezar porque o concurso público estivo amañado. 

Embora o actual presidente provincial, José Manuel Baltar, di que presentará un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, terá que reintegrar os 10 millóns de euros decontado para o que solicitou un pagamento fraccionado. 

Comentarios