sábado 23/01/21

A Deputación de Lugo saca diante os orzamentos por 92,5 millóns

O pleno avalou as contas de 2021 co voto contrario do Partido Popular. Tamén saiu adiante, novamente coa oposición do PP, a disolución da sociedade do solo Suplusa.
Imaxe de arquivo dun pleno na Deputación de Lugo. (Foto: Deputación)
Imaxe de arquivo dun pleno na Deputación de Lugo. (Foto: Deputación)

A Deputación de Lugo sacou hoxe adiante nun pleno extraordinario os seus orzamentos para o próximo ano, que ascenden a máis de 92,5 millóns, e que foron aprobados co voto contrario da oposición, que exerce o PP. 

Un terzo dos fondos estarán dedicados a políticas sociais, segundo salienta o Goberno do ente lugués, que conforman PSOE e BNG, e que destaca o aumento de recursos para o mantemento e a creación de emprego, que chega até os nove millóns de euros grazas á captación de fondos europeos.

Segundo fai notar, soben tamén 13% as partidas para favorecer a diversificación, competitividade e valor engadido no sector primario e 10% as dedicadas a turismo, que contará con dous novos programas para fomentar o turismo de proximidade e a promoción dos produtos artesáns en apoio dunha das actividades peor paradas na crise sanitaria.

Das contas, que consignarán máis de 21 millóns de euros para o Plan Único para os concellos, o presidente da Deputación, o socialista José Tomé, resaltou que "responden aos catro piares básicos do Goberno; atención ás persoas, mobilidade, atención ao medio rural e atención ao turismo e ao comercio". "Non deixamos nada que non responda aos intereses de Lugo", salientou.

Pola súa banda, desde as filas populares, o portavoz, Javier Castiñeira, ex alcalde de Foz, xustificou o voto en contra aos presupostos por estaren "moi separados" das expectativas do PP, e apelando a que "o ano 2021 ten que ser fundamental para saír da crise". "Debemos saír co tecido económico fortalecido e estes orzamentos non o fortalecen", considerou, apuntando que "o Plan Único se conxela e se reducen os investimentos case tres millóns de euros. Son uns orzamentos malos para Lugo", afeou.

Na sesión plenaria tamén saíu aprobada, coa oposición do PP, a disolución da sociedade do solo Suplusa, "un chiringuito que desaparece", segundo salientou o presidente, quen avanzou que será a Deputación quen se fará cargo das súas competencias, centradas nas zonas verdes e polígonos industriais. 

A xestión de Suplusa foi durante o pasado mandato foco de desencontros durante a súa xestión por parte do alcalde de Becerreá, Manuel Martín. 

comentarios