28-M

A Deputación de Lugo, no fío da navalla. 30 votos decidirán o control da Institución

Socialistas e nacionalistas manterían os seus deputados nos partidos xudiciais de Mondoñedo, Chantada, Vilalba, Monforte e o sempre decisivo da Fonsagrada, decantado de novo ao PSOE.
Maite Ferreiro (BNG) e José Tomé (PSdeG), vicepresidenta e presidente da Deputación de Lugo (Foto: Europa Press).
photo_camera Maite Ferreiro (BNG) e José Tomé (PSdeG), vicepresidenta e presidente da Deputación de Lugo (Foto: Europa Press).

Pasou o 28 de maio, mais non pasou a romaría. Após os comicios municipais, aínda non está todo decidido en canto a quen terá o control da Deputación de Lugo.

Esta institución, até o de agora gobernada polo PSdeG e o BNG, parecía na madrugada desta segunda feira que se mantería nestas dúas formacións por apenas un feixe de votos en Castro de Rei que, segundo se coñeceu, estaban mal contabilizados.

De feito, a Institución chegou a estar en mans do PP durante uns minutos pasadas as 00 horas.

Pois ben, ao longo da mañá desta segunda feira, a páxina web do Ministerio informaba que o PP se facía co deputado número 13, o cal significaría a consecución da maioría absoluta dos populares e por tanto o control da Deputación de Lugo.

A pesar diso, e despois dunha nova análise dos sufraxios, agora todo apunta a que, por unha marxe e 30 votos, socialista e nacionalistas seguirían á fronte da Deputación luguesa.

Decisión da Xunta Electoral

Non está todo decidido aínda así, xa que será a Xunta Electoral a que esta cuarta feira decida finalmente se esta institución recae en mans ou non do Partido Popular.

Socialistas e nacionalistas manterían os seus deputados nos partidos xudiciais de Mondoñedo, Chantada, Vilalba, Monforte e o sempre decisivo da Fonsagrada, decantado de novo ao PSOE.

Comentarios