luns 13.07.2020

A Deputación de Lugo aproba solicitar a nacionalización de Alcoa

A raíz dunha proposta do BNG e co apoio de nacionalistas e socialistas. O PP de Lugo: "Non aceptaremos unha nacionalización  bolivariana".

Deputación de Lugo
Deputación de Lugo

O pleno da Deputación de Lugo aprobou unha moción presentada polo BNG para solicitar ao Goberno do estado a nacionalización da multinacional Alcoa e salvar os 534 empregos da factoría en San Cibrao. A proposta saíu adiante cos votos socialistas e nacionalistas, e a abstención do PP.

"Nós estamos cos traballadores de Alcoa", asegurou o presidente da Deputación, advertindo que quen estivo xogando "con todos" foron "a empresa e a Xunta".

O socialista José Tomé volveu lembrar as competencias que ten o Goberno galego en virtude do artigo 30 do Estatuto de Autonomía, que di "que as competencias de industria son exclusivas da Xunta".

Os populares negáronse a secundar a moción do BNG, e apostou por unha "intervención provisional do Estado" que non pase polo mecanismo que se propón. "Non aceptaremos unha nacionalización  bolivariana".

"O único que pode salvar A Mariña é a nacionalización, ou a intervención, chámena como queiran", sinala o deputado nacionalista,  Efrén Castro, instando a "poñer solucións encima da mesa". "Cada un ten que traballar nas solucións que ten, tanto a Xunta como o Goberno estatal", finalizou o deputado do BNG.

comentarios