A Deputación da Coruña reparte os seus fondos 'a dedo'

O goberno provincial dirixido polo popular Diego Calvo, premiou os concellos afíns da Coruña, Santiago e Ferrol incumprindo os criterios fixados polos Plans de Obras e Servizos da propia Deputación. Desde o BNG e os concellos de Oleiros, Narón e Teo denuncian un reparto que coidan "arbitrario", "sectario" e "clientelar". 

bloque

Dos 18 millóns de euros cos que conta a Deputación da Coruña para financiar DCT93 "A Coruña recibe un 90% máis de fondos públicos do que lle correspondería, Ferrol un 60% e Compostela un 45%". Así o denunciou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, nunha comparecencia de imprensa na que estivo acompañado polas alcaldías que a organización frontista ten na provincia da Coruña e a responsábel de Política municipal do Bloque, Goretti Sanmartín. 

@s nacionalistas denuncian que o goberno provincial dirixido por Diego Calvo (PP) está a facer un reparto "sectario" e "clientelar" dos fondos da institución habida conta, sinalou Vence, que a súa distribución "discrimina a 71 concellos dos 93" que compoñen a circunscrición. E é que a asignación das axudas recibidas polas administracións locais --e nas que o Partido Popular estaría a beneficiar os gobernos das tres principais cidades da provincia-- incorrerían nunha vulneración dos criterios de asignación fixados no propio Plan de Obras e Servizos da Deputación. 

Unha "política clientelar"

"O PP usa a Deputación para facer un reparto ad hoc das axudas en beneficio dos seus alcaldes nas tres grandes cidades, ignorando os criterios de distribución obxectivos que xa existían e son aceptados por todos os concellos", explicou Xavier Vence pois o POS estabelece como prioritarios os territorios con menos de 50.000 habitantes de acordo co principio de "equilibrio territorial". Pola contra, para que as tres grandes cidades "reciban máis", insistiu Vence, "73 dos 93 concellos da provincia reciben moito menos do que lles correspondería, en algúns casos perden ata un 36% dos fondos". 

Vence: "73 dos 93 concellos da provincia reciben moito menos do que lles correspondería, en algúns casos perden ata un 36% dos fondos"

Neste senso, o goberno encabezado por Diego Calvo decidiu pasar por alto a propia lei e desenvolver un reparto sen convocatoria pública e a través de convenios unilaterais cos que distribuír as subvencións 'a dedo'. Así o denunciaron tamén os concellos de Oleiros, Narón e Teo que mesmo adiantaron que poderían acudir aos tribunais para exixir unha rectificación na asignación dos fondos. Os tres rexedores denunciaron padeceren "unha marxinación e exclusión sen motivo ningún" no proceso de adxudicación dos cartos da Deputación. 

Ao igual que os alcaldes de Narón, Oleiros e Teo, desde o BNG demandan que se produza unha rectificación por parte do goberno provincial. Porén, o líder da organización frontista tamén aproveitou a ocasión para alertar do "camiño ao que nos conduce o PP". Xavier Vence insistiu en que o acontecido na Deputación da Coruña é unha mostra máis da "política clientelar" do PP, unha estratexia que sumada á reforma da administración local --que reforza o poder das Deputacións-- visa para "un progresivo abandono dos concellos rurais e dos concellos intermedios, un incremento das desigualdades e das inxustizas no reparto dos fondos, un progresivo deterioro do equilibrio territorial e unha dificultade crecente para dar servizos aos cidadáns nas diferentes partes do territorio".

Comentarios