A Deputación da Coruña dótase de 10 novos altos cargos sen o aval xurídico do interventor xeral

O Partido Popular na Deputación coruñesa dá luz verde a unha medida que, segundo o interventor xeral do organismo provincial, contraviría a legalidade vixente e que resulta na criación de 10 novos altos cargos e en fortes subas salariais para 25 xefaturas. O interventor xeral do organismo advirte: "non garante unha mellor prestación dos servizos" e infrinxe, di, "os principios de racionalidade e eficiencia" no gasto público. 

Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña
photo_camera Diego Calvo

Co seu presidente provincial á cabeza, Diego Calvo, a Deputación da Coruña aprobou unha nova de re-estruturación administrativa que podería vulnerar a lexislación vixente, segundo publica esta quinta feira a edición galega de El País. Quen así o confirma é o interventor xeral da Corporación provincial, nun informe con data do 18 de novembro en que que advirte de que algunhas das disposicións da norma son contrarias a dereito.

Neste senso, os grupos da oposición exixen a retirada dun texto que prevé adaptar a estrutura da Deputación á futura lei de racionalización e sostibilidade da Administración local deseñada polo executivo español e que se atopa no tramo final da súa tramitación parlamentar no Senado. Segundo o Partido Popular, o obxecto desta reforma é adaptar o organismo ao incremento de competencias e funcións que a reforma atribúe ás deputacións. 

Dez novos altos cargos de libre designación sen "motivación ou razón"

Así, o goberno provincial impón a creación de 10 novos altos cargos --postos de libre designación-- e fortes subas salariais para 25 xefaturas. Os novos postos serán cubertos por persoal procedente da Xunta de Galiza como o ex-xefe territorial de Traballo, Luís Alfredo Álvarez Freijido e José Antonio Serantes. Aliás, recolle un incremento das remuneracións de máis dunha vintena de altos cargos, catro deles a través dun complemento de destino de 5.624 euros que para o interventor xeral non responde a "motivación ou razón" algunha nen tan sequera, di o informe, "se singulariza a razón". 

Neste senso, o documento elaborado polos servizos xurídicos provinciais advirte da ilegalidade que supón a aprobación destas medidas ao incumpriren o artigo 22 dos Orzamentos xerais do Estado onde se estabelece a estrita prohibición de aumentar o salario do persoal público. Asemade, explica o interventor, "os incrementos retributivos de numerosos postos de traballo da Deputación excepcionan de forma clara a conxelación salarial" sen que "polo momento se modificasen competencias ou funcións". 

Sen mellores prestacións

Aliás, engade, a creación destes novos altos cargos, "non garante unha mellor prestación das tarefas que realiza" a Deputación "sen unha grave deficiencia". 

Desde o PSdeG, a nova secretaria de Organizaicón, Pilar Cancela, exixiu esta quinta feira a Alberto Núñez Feijóo que explique con claridade e contundencia o acontecido na Deputación da Coruña e denunciou, "a tapadeira" que para @s socialistas supón o "falso aforro" predicado polo presidente da Xunta face a este tipo de medidas. 

Comentarios