A Deputación coruñesa aproba o Plan Único para "reactivar" os concellos

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade o Plan Único 2021, de apoio aos concellos, cun orzamento inicial que pasa dos 47,2 aos 64,6 millóns de euros e que incorpora unha partida especial de 14 millóns destinada especificamente a atender gastos sociais extraordinarios municipais derivados da pandemia. 
Valentón González Formoso, presidente da Deputación da Coruña (Europa Press)
photo_camera A Deputación coruñesa aprobou tamén os seus Orzamentos para 2021. (Foto: Europa Press)

"Eses 14 millóns destinaranse a gasto social para atender os colectivos que máis o necesitan e non deixar a ninguén atrás na saída da crise", salientou o seu presidente, Valentín González Formoso, quen quixo destacar o incremento orzamentario, de 37%, e quen sinalou que o resto dos fondos do plan "destinaranse a investimentos que axudan a reactivar a economía, crean emprego e melloran os servizos e infraestruturas dos 93 concellos".

Pola súa banda, o vicepresidente, Xosé Regueira, valorou que, nun ano no que se precisará un grande esforzo das Administracións para contribuír á saída da crise provocada pola pandemia, a Deputación da Coruña "responde ás urxencias" cun plan "que medra 22 millóns e que ademais ten en conta a situación económica e social extraordinaria que van ter os concellos".

 "Estamos diante do Plan Único máis cuantioso para un momento difícil, o que é unha boa noticia non só para os concellos, que van poder planificar os seus orzamentos, senón tamén para os sectores económicos, que van ver como a Deputación segue facilitando capacidade de investimento e liquidez para pagar a provedores que traballan coas administracións locais", indicou Regueira.

Tamén esta sexta feira, o pleno da Deputación coruñesa aprobou o orzamento de 2021, que ascende a 184,5 millóns e que saíu adiante co voto a favor do PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños, e coa abstención do PP. "É o orzamento máis social da historia da Deputación", sinalou o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira.

As contas inclúen un incremento das partidas na área social, que pasan de 11,8 a 27,4 millóns de euros, ao que se suman outras medidas como a contratación de 300 profesionais na área sanitaria ou un aumento de 14 millóns para servizos de axuda a persoas dependentes e de emerxencia social para os concellos, segundo destacou o Goberno do ente coruñés na presentación do documento.

"Plan de rescate"

En Pontevedra, o pleno da Deputación de hoxe evidenciou a división entre o Goberno –PSOE, BNG– e a oposición que exerce o PP sobre as responsabilidades e competencias das distintas administracións nas axudas aos sectores estratéxicos máis afectados pola pandemia de Covid-19.

O grupo socialista presentou unha moción, que foi aprobada cos votos do BNG, na que se pedía á Xunta "un auténtico plan de rescate" coa "reprogramación de partidas" para constituír un "apoio firme" á hostalaría. O PP emendou a iniciativa, para reclamar que a Deputación lance o seu propio plan de axudas. 

Por outra banda, en Lugo, a xunta de goberno da Deputación aprobou onte a adxudicación da prestación básica dos servizos do futuro centro de maiores de Castroverde, por un millón de euros, en dúas anualidades. Segundo anunciou a portavoz do Goberno, a socialista Pilar García Porto, tanto esta residencia como a de Pedrafita do Cebreiro botarán a andar o ano vindeiro.

Comentarios