BNG e Bildu recorren á XEC para que se garantan as súas papeletas en todas as mesas

Os Pobos Deciden presentaron unha denuncia perante a Xunta Eleitoral Central para que este órgao garanta a presenza de papeletas da coligación formada por BNG e Bildu en todas as mesas. Existe evidencia de ausencia das papeletas de Os Pobos Deciden en colexios de todo o Estado.

bildu
photo_camera Os Pobos Deciden.

Persoas de diversos puntos da circunscrición estatal emitiron queixas sobre a imposibilidade de votar a coligación de Bildu e BNG, ante o cal Os Pobos Deciden recomenda dirixirse ao presidente de Mesa, que tería que parar a votación. Témense irregularides na contaxe de votos neste mesmo sentido.

Os Pobos Deciden, a candidatura que reúne BNG, EH-Bildu e outras pequenas formacións soberanistas de esquerda, está a ser boicoteada en diversos colexios electorais de todo o Estado, segundo denuncia a formación vasca, que recolle no seu twitter as incidencias e chama a “parar as votacións dirixíndose ao presidente de Mesa ou mesmo pedindo a axuda d@ apodeirad@ dalgunha forza de esquerda”, xa que é totalmente ilegal que non estean presentes todas as candidaturas nos puntos de votación. Porén, hai testemuños de casos nos que as persoas delegadas de Izquierda Unida negaron calquera axuda.

O director de campaña do BNG, Bieito Lobeira, dixo a Sermos Galiza que as denuncias recollidas en distintos pontos do Estado español -e que teñen precedentes en anteriores comicios europeus- levaron finalmente á coligación Os Pobos Deciden a apresentar unha denuncia perante a Xunta Eleitoral Central.

Denuncias en Catalunya

Moitos deses casos de ausencia das follas de votación de BNG e EH Bildu tamén se están a dar en Catalunya, onde Os Pobos Deciden aspira a obter uns cantos milleiros de votos, e onde se estende a sospeita -ao igual que en diversos lugares do Estado español- de que a ausencia de papeletas responde a unha estratexia calculada, que xa está a ser denominada como “pucheirazo” desde distintas fontes achegadas á esquerda abertzale.

É máis, cando unha votante de Os Pobos Deciden dirixiuse á Mesa para sinalar a ausencia, a resposta que recibiu foi: “Pois vota a outros”, sinal este claro do prexuízo ideolóxico que pode existir tras desta circunstancia. En Andalucía fálase de caixas sen desembalar coas listas desta candidatura, ou mesmo ver como as agochan as persoas responsábeis do colexio electoral. Desde Os Pobos Deciden insisten na importancia de que se pare a votación ante calquera irregularidade e amosan o seu temor a feitos semellantes na recontaxe.

Comentarios