Sesión de control

As denuncias de control e manipulación na CRTVG sinalan Feixoo

En Marea e PSdeG critican a situación que se vive nos medios públicos galegos mentres o presidente ataca a renovación feita na RTVE. Núñez Feixoo cualifica de “conto nacionalista” as críticas do BNG polas subas en gasóleo e luz.

Feijoo

Coa metade de lexislatura recén cumprida Núñez Feixoo someteuse na sesión de control parlamentar desta cuarta feira a cuestións formuladas pola oposición e que non lle deberan  ser descoñecidas. Sobre a mesa, outra volta, materias pendentes ao longo destes anos, como o control e manipulación da CRTVG ou a escala de subas nos prezos de combustíbeis e luz.

A primeira en preguntar foi a portavoz do BNG, Ana Pontón, e fíxoo sobre o incremento do prezo nuns campos que baten directamente no peto dos galegos e galegas: o gasóleo e a luz. “Comprometeuse en 2014 a adoptar medidas polo alto prezo do gasóil e o que pasou foi que nestes catro anos multiplicou por catro os impostos [autonómicos] sobre el”, reprochoulle a nacionalista a Feixoo. Ao tempo, criticouno por non facer nada para evitar que un territorio excedentario en producir electricidade, Galiza, acabe pagando máis pola luz. "Deixe de poñer a camisola do lobby eléctrico", espetoulle.

Non gostou o mandatario galego das críticas e despachou cun “son contos do conto nacionalista” esas denuncias do BNG. Nin sequer se pronunciou sobre a proposta que lle fixo a portavoz nacionalista de aplicar un IVE superrreducido para a factura da luz. “Trae asuntos serios a esta Cámara mais pérdese nas solucións, vostedes sempre propoñen a independencia de Galiza”, dixo Feixoo.

CRTVG

Os portavoces de PSdeG e En Marea preguntáronlle sobre os medios públicos galegos. Levaron ao Parlamento as denuncias de comité intercentros e persoal da CRTVG sobre o control e manipulación. Luís Villares (En Marea) acusou Feixóo de “parecer un Putin á galega, o Zar dos Peares, Alberto Putin Feixoo” e Fernández Leiceaga instouno a facer cumprir a lei de medios de 2011: “Incumpren aquilo que limita a intervención gubernamental nos medios públicos”. Ambos os dous enumeraron as acusacións de manipulación e o papel do goberno galego para evitar que se cumpra a Lei de Medios en aspectos como o consello de informativos ou o estatuto profesional.

A quenda de réplica do presidente baseouse en defender os niveis de audiencia de televisión e radios galegas como bálsamo que cobre calquera acusación de manipulación e atacou os cambios na RTVE desde a entrada do goberno de Pedro Sánchez. Reafirmouse, alíás, nunha frase polémica que dixera hai uns días: “Non vexo a TVG”, e engadiu: “nin ningunha outra. Porque son presidente” e ten moita axenda.

Comentarios