Denuncian que a Xunta adxudicou 96 millóns en contratos sen publicidade durante a pandemia

As dúbidas pairan sobre os contratos adxudicados pola Xunta da Galiza sen publicidade e pola vía de emerxencia durante a pandemia. Algún dos beneficiados polo mesmos son a mercantil Prhoinsa, unha empresa ligada á familia da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso. Segundo a deputada do BNG, Montse Prado, por este procedemento o Goberno galego formalizou contratos por unha contía mínima de 96 millóns de euros.

Alberto Núñez Feixoo presidindo o Consello da Xunta que decorreu esta quinta feira en Pontevedra (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo presidindo o Consello da Xunta que decorreu esta quinta feira en Pontevedra (Foto: Xunta da Galiza).

O pasado 31 de marzo, Nós Diario deu conta en exclusiva da relación mercantil entre  o Goberno galego e Proyectos Hospitalarios Internacional S.A. (Prhoinsa), sociedade con ligazóns coa familia de Isabel Díaz Ayuso. A este respecto, a Plataforma de Contratación da Xunta recolleu en abril de 2020 a "contratación de emerxencia de monitores de parámetros fisiolóxicos" a Prhoinsa por unha contía de 298.265 euros. A operación, formalizada nun momento crítico da pandemia, efectuouse pola vía de emerxencia, que permitía as Administracións contratar de xeito directo, sen someterse a concurso público.

A  sociedade vinculada aos Díaz Ayuso non foi unha excepción. Así, por exemplo, Público revela na súa edición de 3 de maio, que tamén se atopan baixo sospeita os contratos formalizados polo Goberno galego con diversas sociedades relacionadas co empresario compostelán José Ramón García González, fundador da tecnolóxica Blusens. García González, cuxo liña fundamental de negocio está no sector do aforro enerxético, tería colocado á Xunta da Galiza, á Comunidade de Madrid e ao Concello de Madrid material sanitario sen homologar por unha contía de 4,8 millóns de euros.

A historia repítese con ducias de adxudicacións até sumar un mínimo de 96 millóns de euros. Malia as recomendacións recollidas pola Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación, adscrita ao Ministerio de Facenda, no seu Informe especial de supervisión dos contratos tramitados por vía de emerxencia de 14 de marzo a decembro de 2020, a Xunta da Galiza non achega informes que os xustifiquen, non publica a documentación destes procedementos e non somete a fiscalización os contratos elaborados pola vía da emerxencia en 2020.

Auditoría

A negativa do Goberno galego a auditar estes contratos xera máis dubidas nas filas de oposición. A este respecto, a deputada do BNG, Montse Prado, que demandou no Parlamento da Galiza información sobre estes contratos, sinala a Nós Diario que "é unha constatación que os contratos de emerxencia foron o ecosistema perfecto para que proliferaran todo tipo de bichería moi habituada a facer uso dos cartos públicos para uso propio. Un aproveitamento só posíbel pola proximidade ao poder, pola facilidade de acceso aos responsábeis políticos".

O recurso da Xunta da Galiza ao contratos de emerxencia vulnera o recollido nas recomendacións contábeis para este tido de procedementos. Neste sentido, a Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación considera que a emerxencia non pode xustificar a non fiscalización do diñeiro público e sinala que non pode empregarse como xustificación xeral para as contratacións que se realizaron durante a pandemia.

Comentarios