AGE denuncia os "métodos trapalleiros" da Xunta con Alimentos Lácteos S.L

O voceiro de agricultura e medio ambiente de AGE, Antón Sánchez, asegurou que a planta afincada en Outeiro de Rei (Lugo) adía catro meses de pagamentos ás explotacións gandeiras.

Após pular pola súa creación en 2010, cando a empresa Pascual abandonou as instalacións, a Xunta de Galiza, daquela xa en mans do Partido Popular, constituía a sociedade Alimentos Lácteos SL, que abrangue a 11 cooperativas da zona. Porén, após pouco máis de dous anos de actividade, a industria carrexa máis de catro meses de impagamentos o que provocou o cesamento da entrega por parte d@s gandeir@s.

Segundo Antón Sánches, malia non defenderen o modelo produtivo desenvolvido en Outeiro de Rei, "pois só envasa leite líquido", exixen que a Xunta de Galiza dea unha resposta ás explotacións. Neste senso, máis de 70 gandeir@s exixen desde hai meses, o mantemento dunha xuntanza co executivo galego, á fin de procuraren unha solución perante o que consideran, dixo Sánchez, "unha situación límite".

Porén, desde a Alternativa Galega salientaron a existencia de outros conflitos abertos que afectan á provincia de Lugo. Ramón Vázquez, deputado lugués, asegurou que outras "empresas emblemáticas da zona" atravesan tamén por dificultades económicas sen obteren axuda algunha por parte da Xunta de Galiza, como as madeireiras Finsa e Tablicia ou a cementeira Cosmos --a piques de pechar un ERA que deixará sen emprego a maior parte d@s traballadoras e traballadores da factoría situada no Oural.

Comentarios