Denuncian os incumprimentos da Xunta nos acordos asinados co sector leiteiro

Carrefour, distribuidora asinante do acordo promovido pola Xunta e o Ministerio español en decembro de 2012, agasalla a día de hoxe cartóns de leite pola compra de refrescos de cola. Pola súa banda, a industria Lactalis --a de maior volume de mercado no país-- vén de anunciar co envío dunha misiva @s produtor@s que diminuirá nun céntimo o prezo do litro de leite actualmente situado nos 0,31€.

Após cinco meses do anuncio por parte de Alberto Núñez Feijóo da sinatura dun acordo co sector lácteo encamiñado a rachar coa crise que padecen as explotacións gandeiras, os incumprimentos da Xunta de Galiza c@s produtor@s deixan o sector nunha situación límite.

O BNG exixe a creación dun marco de relacións que empodere @s produtor@s e permita a Galiza liderar o sector lácteo a nivel estatal habida conta de que produce o 40% do leite de todo o estado

Así o expuxo a deputada nacionalista, Tereixa Paz, na Comisión de Adricultura, Medio Rural e Montes celebrada esta cuarta feira no Pazo do Hórreo. Neste senso, a deputada do BNG denunciou que a "Xunta de Feijóo non protexa aos produtores fronte á industria" e se amose indolente entrementres "os gandeiros están a vender o seu leite por debaixo dos custos de produción". Neste senso, fican por terra as promesas electorais de Núñez Feijóo quen aseguraba que "ía subir os prezos en xaneiro".

Porén o certo é que a realidade do sector leiteiro galego segue a día de hoxe a ser "catastrófico", aseverou a nacionalista perante o pagamento do leite moi por embaixo dos custos --como reflicte a advertencia feita pública por Lactalis. Unha realidade que se "ve agravada pola falta de iniciativa do Goberno galego" --asegurou Paz-- que non só "non adoptou ningunha actuación para facer fronte a esta situación" senón que "mesmo adoptou decisións políticas que comprometeron gravemente a viabilidade e o futuro das explotacións".

O PP apela á "globalización" para asegurar que o marco galego de relacións no sector lácteo non é válido. Tereixa Paz responde "teñen vostedes unha cara dura coma o cemento armado"

Neste senso @s nacionalistas exixiron --co apoio de PSdeG e AGE-- a moratoria na aplicación do Decreto promovido polo Ministerio español de agricultura (1363/2012, de 28 de setembro) ao entenderen que perpetúa a situación de dominación da industria fronte ás explotacións gandeiras. Segundo Tereixa Paz, a norma promovida pola administración española "non estabelece sancións" converténdose máis unha vez nunha "declaración de intencións".

Así pois, a deputada do BNG denunciou que malia os acordos adoptados coa industria e as empresa distribuidoras "Carrefour, asinante do acordo con Arias Cañete vende a 0,54 céntimos o litro de leite" e agasalla cartóns deste produto coa compra de bebidas refrescantes de cola sen que as administracións galega nin española adoptasen medidas para frearen este tipo de actuacións comerciais.

Comentarios