O BNG denuncia "fraude" na tramitación de dous proxectos eólicos no Deza e exixe paralizalos

Anuncian que farán alegacións ao macroproxecto que afecta os concellos de Lalín, Dozón, Rodeiro, Vila de Cruces e Silleda e chaman á mobilización social.

Nésor Rego con portavoces municipais do BNG na comarca do Deza (Foto: Nós Diario)
photo_camera Nésor Rego con portavoces municipais do BNG na comarca do Deza (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou a "fraude" da que acusa á tramitación de dous proxectos eólicos desenvolvidos en tres concellos da comarca do Deza e que, segundo a formación, fan parte "dun único" parque que, desta forma, busca "flexibilizar" a aplicación da normativa ambiental.

Así o expresou o deputado nacionalista no Congreso Néstor Rego, que visitou Lalín acompañado por representantes do Bloque nos municipios sobre os que se asentan estes proxectos que, para a formación nacionalista, encádranse na "grande ofesiva" do sector eólico para desenvolver iniciativas na Galiza.

"Non podemos permitir que se siga estragando o noso medio natural, as nosas potencialidades agrogandeiras, a nosa paisaxe en favor de grandes empresas espoliadoras que levan o beneficio que obteñen do país sen que repercuta nin un só euro na Galiza", aseverou Rego.

O parlamentar asegurou que o "macroparque" de 112 watios proxectado nos municipios de Lalín, Rodeiro e Dozón é "un único proxecto" a pesar de presentarse como dous pois partillan a mesma liña de evacuación, unha práctica que o Bloque tacha de "fraudulenta", xa que así procurarían “flexibilizar a normativa ambiental actual".

"Temos que denunciar esta fraude, xa que afecta a todo o territorio sensíbel, terreo agrogandeiro e mesmo a especies que se atopan en perigo de extinción, como é a tartaraña cincenta", apuntou Rego, que avanzou a presentación de alegacións aos proxectos, que se atopan en período de exposición pública.

Aliás, Rego defendeu a aplicación dunha tarifa eléctrica galega para beneficiar “ familias e empresas galegas pois Galiza é excedentaria e exporta enerxía ao resto do Estado, na súa maioría renovábel, pero segue a pagar unha das facturas eléctricas máis altas”.

Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG en Lalín, Francisco Vilariño, recriminou que “quen promove e ampara estes proxectos semella non ser consciente da importancia económica agrogandeira do territorio escollido. Trátase dun desprezo a capacidade produtiva do rural galego e só se pode cualificar de auténtico espolio do territorio servido aos especuladores enerxéticos do vento”, dixo.

“Valoramos como especialmente grave, que a diferenza doutros parques que por costume ocuparon superficie forestal e de mato nos altos das Serras, agora estes, denominados Val do Folgoso e Monte dos Porcallos, ocupen na maior parte terras de uso agrícola e gandeiro para pasto vacún. Unhas 30 granxas da contorna, de vacún, porcino e avícola, case todas elas con moi poucos anos de funcionamento, quedarán baixo a influencia da construción e do ruído dos aeroxeradores, a maioría entre 200 a 400 metros de distancia”, apuntou.

Comentarios