Denuncian que o alcalde de Viana podería estar a incorrer en “prevaricación” ao “seguir cobrando a dedicación”

“O cobro da dedicación co informe negativo da secretaría de Intervención pode ser constitutivo de delito, de prevaricación ou de apropiación indebida”, advirte o BNG.

Casa do Concello de Viana do Bolo
photo_camera Casa do Concello de Viana do Bolo

O BNG afirma que Abelardo Carballo, alcalde de Viana do Bolo após a moción de censura de setembro, segue a cobrar a dedicación “a pesar da ilegalidade que indica o informe da secretaría de intervención do Concello”.

Cómpre lembrar que a sentenza 1401/2020, da Sala Terceira do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo deixa pouca marxe para a interpretación. Neste sentido, no informe referido afírmase que “o pase á condición de concelleiro non adscrito, como consecuencia ou por razón dun suposto transfuguismo” impide “que se asuman cargos ou se perciban retribucións que antes non se recibían e que impliquen melloras persoais, políticas ou económicas”.

A moción de censura de Viana saiu adiante grazas ao apoio de concelleiros tránsfugas do PSOE.

“A actuación de Abelardo Carballo demostra unha gran prepotencia e un total menosprezo a lei”, consideran os nacionalistas. “O alcalde tránsfuga levantou o reparo de legalidade que emitiu a secretaria intervención para poder cobrar. Cobrar el mesmo con informe desfavorábel da secretaria intervención é moi grave, pode ser constitutivo de delito, de prevaricación ou de apropiación indebida”.

BNG piden a dimisión “destes concelleiros tránsfugas que traizoaron a vontade das veciñas e veciños de Viana do Bolo”.

Comentarios