A oposición atribúe ao control gubernamental da información a queda de audiencia da TVG

A audiencia da TVG está a caír en picado. No mes de Marzo, e por vez primeira na historia, o seu share no total día baixou dos dous díxitos, até ficar no 9,8%. A oposición atribúe a queda ao endurecimento do control gubernamental sobre a liña editorial dos informativos.

Imaxe gráfica da Televisión de Galiza
photo_camera Imaxe gráfica da Televisión de Galiza

A deputada do BNG Montse Prado inquiriu ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, a respeito da perda de espectador@s da televisión pública galega rexistada nos primeiros 3 meses de 2013. A parlamentar do Bloque ligou a "deserción da audiencia" á "redución orzamentaria" que a Xunta de Galiza aprobou a respeito da entidade e á "instrumentalización" informativa que a dirección da compañía exerce sobre as novas emitidas na televisión pública. 

Os grupos da oposición ilustraron as denuncias con exemplos diversos en que a televisión de Galiza "oculta" informacións relevantes e emprega outras para transmitir "información nesgada". O deputado da Alternativa Galega, Juan Fajardo, denunciou en comisión parlamentar que a TVG non cobrise "a masiva manifestación" decorrida en Monforte en contra da área sanitaria única. Cuestión que para Alfonso Sánchez Izquierdo se debía a "unha sucesión de erros profesionais" mais non "cos criterios" da compañía. 

"Seis días despois", apuntou o parlamentar de AGE, a cadea pública tampouco recolleu a mobilización convocada en Pontevedra pola plataforma SOS Sanidade Pública. En troca, acrecentou Montse Prado, a entidade emite "publirreportaxes" sobre "un médico antiabortista dos EUA" ou recolle os peches organizados nos centros de ensino en Madrid e "non se informa" dos convocados "pola Plataforma galega en defensa do ensino público". 

“Nunha tele pública non se pode facer o que están a facer”, denunciou Fajardo ao tempo que acusou Sánchez Izquierdo de actuar como "un comisario político". O director xeral da CRTVG rexeitou que a perda de cota de pantalla --no mes de Marzo por vez primeira baixou, no total día, do 10% de share, até se situar no 9,8%-- "teña a ver directamente co enfoque informativo ou a redución orzamentaria" e liga a queda de audiencia á existencia de novos soportes como a televisión online.  

"A dirección xeral non interfire na liña informativa nin no enfoque deste ou doutro asunto"
As denuncias sobre a manipulación informativa na TVG sucédense día a día. Traballador@s da compañía e sindicatos veñen alertando das presións e interferencias do Partido Popular na fixación da liña informativa ou mesmo da escolla dos contidos que son emitidos na televisión pública. "Os casos de corrupción en que os imputados son do PP siléncianse e se os imputados son do PSOE saliéntanse máis veces mesmo das necesarias", afirmou Raquel Lema, presidenta do Comité interempresas da CRTVG en declaracións a Sermos Galiza

Desde o Bloque, a deputada Montse Prado criticou con dureza o tratamento informativo que a canle pública --a única en Galiza-- outorgou á comparecencia parlamentar do presidente da Xunta con motivo da súa relación co narco arousán Marcial Dorado. Para a nacionalista --que entendía necesaria a súa retransmisión en directo pola "espectación lóxica" xerada "polo contido das fotos" na imprensa nacional e internacional--  a presentación dos acontecementos na TVG "poderá chamarse de todo menos imparcial". 

Neste senso, a deputada do Bloque facía fincapé no uso "partidista" da televisión pública para atacar os portavoces da oposición mesmo se iso supuña achegar información falsa ou errada

"Ao servizo de quen está a TVG?" perguntoulle Prado a un director xeral que negou en todo momento a interferencia da dirección na "liña informativa" ou no "enfoque" dos asuntos de actualidade. Sánchez Izquierdo non perdeu a oportunidade de acusar os grupos da oposición --e nomeadamente ao BNG-- de seren @s que defenden "unha visión claramente política da información". 

"Temos que concibir os medios doutra forma e afastalos do debate político", teimou Sánchez Izquierdo perante as denuncias dos grupos da oposición que acusaron á dirección xeral de ocultar "a metade da poboación" e a "realidade" que se está a viver na Galiza. "Teñen esquecida a encomenda de ser un servizo público", sentenciou a parlamentar do BNG.

Comentarios