Denuncia que o PP usa unha imaxe da súa avoa, usuaria dun centro de día da Xunta, para pedir o voto

É usuaria dun centro de maiores da Xunta.
centrodedía02
photo_camera centrodedía02

"A Xunta inviste 9 millóns de € en Cuntis". Este é o lema que acompaña unha imaxe protagonizada pola conselleira de Política Social, Fabiola García, e unha usuaria do centro de maiores de Cuntis que xestiona a Xunta da Galiza.

Aínda que data do mes de marzo, o Partido Popular repartiu a semana pasada e mais a actual en Cuntis unha revista de carácter electoral na que tamén se enxalza a mellora “dunha quincena de estradas e pistas”, o centro de día e o aumento do servizo de atención ao fogar como "apostas do PP", así como os 1,9 millóns concedidos pola Xunta "para impulsar emprego".

Cabreounos moitísimo que empregasen con fins electorais a imaxe da miña avoa, explica o seu neto Héitor Picallo


A avoa do escritor e ilustrador Héitor Picallo é quen sae na imaxe da capa da revista, "ficou sorprendida cando chegou a ela a publicación do PP local". "Cabreounos moitísimo que empregasen con fins electorais a imaxe da miña avoa. De feito, a miña nai deulles o toque de atención aos do PP por usar esa fotografía", expón en declaracións a este medio Picallo, que explica que a súa avoa é usuaria do centro de día de Cuntis.

"Cando conseguín a revista fiquei alarmado. Non entendo esa falta de respecto nin que o PP use desa maneira a imaxe de persoas maiores", engade.

Uso dos maiores

Picallo, que apela ao cumprimento da lei orgánica que regula o dereito á imaxe e ao honor, denuncia a "falta de ética e de responsabilidade" do Partido Popular, a quen acusa de "utilizar os maiores, máis unha vez, con fins electorais".

O uso da imaxe na revista electoral ten lugar cando a Xunta, malia a petición de familias e profesionais, aínda non abriu os centros de día, sendo Galiza o último territorio do Estado en facelo.

Comentarios