Demiten 6 dos 15 integrantes do Secretariado da CUP

A formación tiña marcada para esta segunda feira eleccións internas para escoller novo Secretariado Nacional.

asemblea da CUP
photo_camera asemblea da CUP

Seis dos 15 integrantes do Secretariado Nacional da CUP demitiron, decisión que comunicaron a través dunha carta interna e que evidencia as diferenzas que se viven no seo da formación independentista pola súa relación co goberno e o proceso soberanista. As persoas demisionarias son Ester Rocabayera, Joel Jové e Roger Castellanos (de Poble Lliure), e Guim Pros, Omar Diatta e Tomàs Sayes . Piden un cambio na formación para que non se repitan prácticas e actitudes “sectarias e maquiavélicas”.

Segundo informan medios cataláns como Vilaweb ou Nació Digital, as persoas que demiten consideran que ese tipo de actitudes na CUP foron comprobábeis no acontecido na investidura de Artur Mas ou a recente emenda á totalidade dos orzamentos da Generalitat. “A isto súmase a deriva estética de boa parte da acción política realizada pola CUP, que consideramos que provoca perigosas vacilacións estratéxicas desde o comezo desta lexislatura”. Aclaran que non son partidarios de Mas nin de calquera proposta de orzamentos, mais cren “na negociación e na política como ferramenta de transformación social”.

Lembran que a CUP anunciara esta semana que disolvería o Secretariado Nacional a vindeira segunda feira e convocaría eleccións internas. A CUP explica nun comunicado que hai meses que traballa para renovar a súa dirección.

Segundo indica El Nacional, estariase a intentar negociar unha candidatura de "consenso" que poida obter un apoio mínimo do 65% da militancia, que por primeira vez poderá votar telematicamente o Secretariado. Nesta opción estarían a traballar o ex-deputado Quim Arrufat coa axuda dun reducido número de persoas. 

A CUPlamentou a demisión destes 6 membros do secretariado nacional e defende que a organización adopta as decisións "con todas as garantías democráticas posíbeis".  Mediante un comunicado, a formación asegura que non quere entrar a valorar as acusacións das persoas que demitironmais si que afirma que os actuais integrantes do Secretariado teñen "a conciencia tranquila de traballar sempre para facilitar as garantías democráticas".

A carta íntegra das persoas demisionarias pode lerse aquí.

Comentarios