Demite Paula Prado pola súa implicación na Operación Pokémon

A voceira do Partido Popular e deputada anunciou esta cuarta feira a súa demisión como portavoz após ser investigada no decorrer da Pokémon por comportamentos "irregulares que poderían ser constitutivos de infracción penal".

20140604_PaulaPrado_02
photo_camera [Imaxe Partido Popular]

Paula Prado presentou a súa demisión "irrevogábel" como portavoz do Partido Popular. Así o anunciou en comparecencia de imprensa esta cuarta feira (4 de maio).

Prado atribuíu a súa saída á situación xerada após coñecerse que a xuíza Pilar de Lara --instrutora da Operación Pokémon-- desenvolveu unha peza separada na que investiga presuntas "irregularidades" no comportamento de Prado que poderían "ser constitutivas de infracción penal". Os acontecementos que están a ser investigados teñen a ver con decisións adoptadas durante o seu cargo de concelleira na equipa municipal de Compostela.

Prado asegurou que presentou a súa demisión na terza feira ao presidente do PP e da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo e asegurou en comparecencia de imprensa que a decisión foi adoptada agora para "concentrar as novas e os cambios" que se están a producir no seo do partido.

Prado demite agora, dixo,  porque é "un bon momento" para "concentrar as novas e os cambios" que se producen no PP

O PP "está experimentando cambios", afirmou Prado, polo que a súa saída procura contribuír á conformación desas "novas equipas" habida conta, explicou, que os últimos acontecementos xudiciais lle impedían trasladar de maneira acaída a mensaxe do PP.

Desde hai perto de catro meses a número tres do Partido Popular de Galiza mantívose en silenzo e non compareceu perante os medios de comunicación, como acostumaba para abordar os asuntos de actualidade. Desta maneira tentou zafarse de explicar as investigacións que a salfiren na Pokémon. Nesta convocatoria  anunciou a súa saída da portavocía popular.

BNG e AGE exíxenlle que deixe o escano

Ambas as dúas forzas demandaron a demisión de Paula Prado tamén como deputada no Pazo do Hórreo. Para Ana Pontón (BNG) e Yolanda Díaz (AGE) o anuncio desta cuarta feira é "unha burla á cidadanía" que, asemade, reflicte "o dobre raseiro do PP" ao abandonar a portavocía do PP "para non lle facer dano ao partido", subliñou Pontón mais sen lle importar a Cámara de representantes á que trata, dixo a nacionalista con "desprezo". Unha actitude, indicou Díaz, que dá conta da escasa consideración do PP pola democracia".

Investigada na Pokemon

A primeira vez que o nome de Paula Prado apareceu no sumario da Pokémon foi nunha chamada telefónica entre unha das persoas investigadas e un directivo de Vendex. Segundo a conversa transcrita o primeiro recomendaba ao empresario chamala "a ver se ten alguén a quen meter aínda que só sexa para quedar ben con ela e gañar puntos". A comunicación data de agosto de 2012 e referíase ás contratacións no xardín infantil do Castiñeiriño.

Hai un mes, a deputada e ex-voceira do PPdeG volveu saír á primeira plana da investigación ligada ao seu home. Neste senso, a xuíza Pilar de Lara considera que Prado podería ter empregado a súa "relación matrimonial" para beneficiar a empresa do seu marido coa venda de materiais textís a organismos públicos entre os que se atoparían dous concellos con grupos de goberno do PP, Boqueixón e Santiago, no que a propia Prado foi concelleira de goberno.

Paula Prado está a ser investigada por enchufismo e o seu home por tráfico de influencias e falsidade documental

O home da voceira do PP podería ser acusado de delito de tráfico de influencias e falsidade documental, xa que existe a posibilidade, que se está a investigar, de que tivera emitido facturas falsas da venda de produtos textís por medio de intermediarios e persoas interpostas.

As probas que manexa De Lara son, de novo, intervencións telefónicas e informes de Vixiancia Aduaneira, da que se deducen o presunto beneficio que tería obtido o home de Paula Prado ao se beneficiar da relación coa actual voceira do PP, amparado tamén na influencia doutras persoas “fortes” do goberno de Compostela como o ex-xefe de gabinete Ángel Espadas, do aínda concelleiro de Deportes, Adrián Varela.

De feito, o sumario recolle tamén unha conversa entre Prado e Espadas na que a deputada lle pide ao ex-asesor que formatee o seu computador antes de deixar de maneira definitiva o gabinete --ao que accedera da man de Conde Roa.

Aliás, a voceira saínte tería participado dos enchufes que se desenvolveron no consistorio da capital galega --segundo as informacións publicadas pola xuíza. Os investigadores detectan que a número tres do PPdeG lle pasa os dados dunha militante do PP ao ex-edil de Seguridade, Albino Vázquez, para ser contratada.

Prado sempre defendeu a súa inocencia e negou calquera vinculación con casos de corrupción.

Comentarios