Ourense

Demite outra concelleira de Democracia Ourensá argumentando discrepancias co partido

Aínda non pasou un mes desde que se produciu a investidura do alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, e xa se anunciou a segunda demisión no equipo de goberno da cidade das Burgas. Ana Isabel Rebanales Rodríguez, concelleira de goberno de Democracia Ourensá, presentou a súa renuncia á acta de edila e ao seu cargo no concello argumentando "discrepancias internas de organización estritamente de estratexia profesional” concretamente en relación coa concellaría que ocupaba.

Pérez Jácome
photo_camera Pérez Jácome

O equipo de goberno municipal de Ourense afronta a súa segunda demisión sen aínda facer un mes á fronte da cidade. Após a renuncia da concelleira de Democracia Ourensá Ana Isabel Bertólez, este domingo 7 de xullo coñeceuse a demisión da concelleira de goberno Ana Isabel Rebanales Rodríguez, tamén de DO, debido a "discrepancias internas de organización estritamente de estratexia profesional” concretamente relacionadas coa concellaría que ocupaba.

Democracia Ourensá chegou no mes de xuño ao goberno da cidade grazas a un pacto co Partido Popular, polo que Gonzalo Jácome, líder de DO, sería investido alcalde a cambio de apoiar o popular Xosé Baltar na presidencia da Deputación de Ourense, após este perder a maioría absoluta; deixando así atrás a dura relación que durante anos ambos mantiveran publicamente.

O goberno municipal repartiuse a partes iguais entre ambas as formacións de dereitas, cunha xunta de goberno local formada por 7 representes de DO (incluído o propio alcalde) e outras 7 do PP.

Ana Isabel Rebanales, que fora candidata por DO ao Parlamento Galego nos comicios de 2016, asumiu como membro dese partido a concellaría de Comercio e Seguridade Cidadá até este domingo en que renunciou.

Nun comunicado emitido pola formación de Jácome, DO expón que estaría aberta a contar con Rebanales como "posíbel persoal de confianza"

Nun comunicado emitido pola formación de Jácome, DO expón que estaría aberta a contar con Rebanales como "posíbel persoal de confianza en calquera momento ou lugar” e engade que o partido “sempre confiou en Ana Isabel".

A formación afirma que a súa decisión de demitir débese a "diverxencias e puntos distintos de vista sobre como encarar este mandato á fronte da concellaría de Comercio e Seguridade Cidadá", como "factores decisivos para que Ana Isabel decidise non continuar á fronte do equipo".

A renuncia comunicada este domingo é a segunda que rexistra Democracia Ourensá tras as eleccións municipais

Democracia Ourensá conclúe o seu comunicado eloxiando Ana Isabel Rebanales Rodríguez "pola súa enorme valía" e lamentando "profundamente" a súa decisión de abandonar a corporación.

A renuncia comunicada este domingo é a segunda que rexistra Democracia Ourensá tras as eleccións municipais, despois da dimisión en xuño de Ana Isabel Bertólez por "motivos persoais", renunciando esta antes de facérense dúas semanas desde a toma de posesión de Jácome como alcalde da cidade. Substituíuna Manuel Álvarez, quen fora edil nos anteriores anos. Agora fica pendente coñecer quen afrontará a concellaría que Rebanales deixa baleira.

Comentarios