Reaccións ao discurso de Feijóo

De delegado de Rajoy “en provincias” a "covarde" e "triunfalista"

Non tardaron en xurdir as reaccións das forzas parlamentares da oposición ao discurso pronunciado polo presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, con motivo da fin do ano. En Marea acúsao de “agocharse en Catalunya”; o PSdeG de “autocompracente” e o BNG de actuar como “delegado de Rajoy en provincias”.

DSUoDpMXUAAQ7qk

Os partidos da oposición reaxiron ao discurso pronunciado por Feijóo o 31 de decembro con motivo do remate do ano. O portavoz de En Marea, Luís Villares afirmou que o presidente da Xunta remata o ano “como o encetou, enganando a xente”. Cualificouno de “covarde” por se esconder “con Catalunya para non amosar a súa insignificancia” en debates como o do financiamento autonómico ou como o das infraestruturas.

A emigración, a “división” que supoñen a reforma sanitaria, a subida das peaxes da AP9, a ausencia dunha rede ferroviaria de proximidade ou a falta de conexión de Galiza con Europa a través dunha liña de tren de mercadorías foron algunhas das cuestións citadas por Villares.

PSdeG: Acusa Feijóo de triunfalista e autocompracente

Con menor dureza pronunciouse o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen cualificou a intervención do presidente da Xunta –que tivo lugar na mostra do Pergameo Vindel en Vigo– de triunfalista, autocompracente e de autobombo.

O socialdemócrata acusou Feijóo de “esquecer os problemas da Galiza real para recrear unha situación idílica”. Botou en falta “os baixos salarios e pensións”, os “recortes nos servizos públicos”, a “maior exclusión” e “unha preocupante desigualdade”, así como autocrítica na xestión da vaga de incendios do pasado mes de outubro.

BNG: Feijóo, o “delegado de Rajoy en provincias”

Desde o Bloque a encargada de pronunciarse a respeito do discurso de Feijóo foi a viceportavoz parlamentar, Olalla Rodil, quen botou en falta “un verdadeiro presidente da Xunta”, que actúa, dixo, como “delegado territorial de Mariano Rajoy en provincias”.

Após criticar a “realidade propia e irreal, baseada na propaganda” de Feijóo, advertiu de que na Galiza “crece a precariedade laboral e a desigualdade social como consecuencia das súas políticas e submisión ao goberno de Rajoy”.

Lembrou o aumento da fenda “entre os máis ricos e os máis empobrecidos” e as subas do prezo de “peaxes, luz, teléfono ou gasóleo”, cando Galiza “padece os salarios e pensións máis baixas”.

Rodil tamén acusou Feijóo de “seguir a esconder a súa irrelevancia políticas detrás da bandeira española”.

Comentarios