O delegado do Goberno español asegura que Resistencia Galega "está moi debilitada"

Samuel Juárez congratúlase pola "presión policial e xudicial" e pide que todas as forzas políticas sexan claras na condena contra accións como a de Baralla.

Samuel Juárez
photo_camera Samuel Juárez

O delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, considerou que Resistencia Galega "é unha organización terrorista que está sumamente debilitada" grazas á presión policial e xudicial exercida sobre ela nos últimos tres anos.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, o delegado do Goberno en Galiza asegurou que esta organización "está a ter moitas dificultades" para recrutar novos compoñentes", o que "non significa que poidan facer o que fixeron esta semana en Baralla".

Así mesmo, Juárez mostrouse partidario "dunha condena política unánime" contra Resistencia Galega. Así, aínda que asegurou non crer que ningún grupo político ampare as accións desta organización, si considerou "un problema" que exista certa ambigüidade con este asunto por parte dalgunhas forzas. "Creo que hai que ser moito máis claros, fago un chamamento a que, no futuro, non se perciban ambigüidades que se poidan malinterpretar", manifestou.

Comentarios