Unha delegación de eurodeputados e eurodeputadas da Alianza Libre Europea (ALE) visitará Galiza

Manterán diversos encontros e xuntanzas de traballo.
ale delmi alvarez
photo_camera (Foto: Delmi Álvarez)

Unha delegación integrada por eurodeputados e eurodeputadas do grupo da Alianza Libre Europea (ALE) na Eurocámara visitará Galiza do 19 ao 21 de setembro para respaldar o escano do BNG no Parlamento Europeo, iniciado pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, o pasado 5 de setembro.

“Apoio aos sectores produtivos, avaliación da situación da cooperación transfronteiriza, e modelos de xestión dos Concellos gobernados polo BNG e emprego de fondos europeos” son algúns dos temas que se tratarán nas xornadas de traballo, segundo explica a eurodeputada.

Así, a axenda comezará a segunda feira, cunha visita na Eurocidade Tomiño-Cerveira, onde terá lugar un encontro coa alcaldesa Sandra González e o Presidente da Cámara, Rui Teixeira. A xornada de traballo continuará cun encontro co BNG da Guarda, unha visita ao porto pesqueiro e a nave das redeiras.

A terza feira, 20 de setembro, a xornada de traballo desenvolverase en Pontevedra, onde terá lugar a conferencia “Europa dos Pobos dende o local”, que será inaugurada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e constará de diversos paneis explicativos e debate. En concreto, o primeiro deles, moderado pola eurodeputada Ana Miranda, tratará sobre as “Situacións transfronteirizas en Europa” e nel intervirán Jordi Solé, presidente do grupo da ALE no Parlamento Europeo, Lorena López Lacalle, presidenta do partido político da ALE e Lois Pérez Castrillo. Secretario Técnico da Asociación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT).

O seguinte panel, -moderado pola concelleira do Bloque en Pontevedra e membro da Área Municipal da Executiva Nacional, Eva Vilaverde- centrarase nas “Experiencias de transformacións no local como exemplos de boas prácticas en Europa”, e nel intervirá, Miguel Anxo Fernández Lores; Pierre Savelli, alcalde de Bastia (Corsica) e Cristina Cid, alcaldesa de Allariz. Finalmente as conclusións da conferencia serán expostas polo Secretario Xeral da ALE no Parlamento Europeo, Roccu Garoby e a eurodeputada Ana Miranda.

21 de outubro terá lugar unha recepción á delegación da ALE no Parlamento Galego a cargo da Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón. Finalmente, pola tarde, farase un percorrido polo porto de Vigo para amosar á delegación da ALE a importancia económica da pesca e da construción naval.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios