Unha delegación do BNG participa no Aberri Eguna e súmase á demanda de soberanía

Unha delegación do BNG encabezada polo voceiro nacional Xavier Vence viaxou até Iruña para formar parte da masiva manifestación convocada pola rede Independentistak xunto a dirixentes de Eusko Alkartasuna. Na marcha tamén participaron as outras forzas que compoñen EH-Bildu.

Xavier-Vence-Laura-Mintegui
photo_camera Xavier-Vence con membros de EA e Bildu.

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, participou xunto con outros membros da organización nacionalista galega nos actos de celebración do Aberri Eguna que se están a desenvolver esta fin de semana en Euskal Herria. A delegación do BNG asistiu á manifestación unitaria convocada en Iruñea pola rede Independentistak xunto aos seus anfitriones de Eusko Alkartasuna. Na marcha tamén participaron Abertzalen Batasuna, Alternatiba, Aralar e Sortu, as tres últimas coaligadas en EH Bildu, forzas que que forman EH-Bildu, aliado do Bloque nas eleccións europeas.

Así, o Bloque "súmase á reivindicación de soberanía para o pobo vasco expresada nesta celebración do Aberri Eguna, do mesmo xeito que vén apoiando o proceso soberanista aberto en Cataluña e noutras nacións europeas. Nun contexto de fonda crise política, económica e social, o BNG tamén defende para Galiza a necesidade da soberanía nacional como principio político necesario para ter capacidade para decidir democraticamente o futuro da nosa sociedade".

"A crise actual, con medidas tomadas por instancias da UE que carecen de lexitimidade democrática, en connivencia coas institucións fondamente centralistas do estado español, mostra que a única vía realista para pór fin a este inxusto estado de cousas é o exercicio da soberanía como exercicio de liberdade e capacidade para decidir sobre os nosos recursos e dispor do noso futuro", afirma nun comunicado o BNG.

As forzas que compoñen EH-Bildu aseguraron, pola súa parte, que traballarán "sen ambigüidades nin palabras ocas", para materializar o dereito a decidir do pobo vasco e "unha nación soberana en Europa". Ademais, defenden "unha paz sen vencedores nin vencidos". No PNV, que non participou na mobilización de Independentistak, o lehendakari Iñigo Urkullu indicou que "a España, unha, grande e libre xa quedou atrás".