A delegación do sector cultural denuncia en Bruxelas: "A cultura galega existe e está a ser agredida"

Pide a fin das políticas "de recortes orzamentarios e demais agresións". A eurodeputada Lidia Senra denuncia que a Xunta e o Goberno español “desprezan a nosa cultura”.

Foto grupo cultura diante do Parlamento Europeo con Lidia Senra_2656x1494
photo_camera Foto grupo cultura diante do Parlamento Europeo

A delegación de 65 persoas do sector cultural galego que se desprazou a Bruxelas para explicar no epicentro da UE a situación da nosa cultura, así como expoñer as súas demandas, reivindicou a igualdade de dereitos para a nosa cultura. Unha cultura que “continúa viva” embora o desleixo e “incluso dos ataques das súas institucións” e que expresa o galego “como un pobo vivo”. Así o manifestaron nunha comparecencia de imprensa no Europarlamento a eurodeputada de AGEe, Lidia Senra, que estivo acompañada pola cantante Uxía Senlle, polo membro da directiva de Escena Galega, Borja Salcedo, e pola escritora Chus Pato.

Senra acusou Núñez Feijóo de facer leis “contra a nosa lingua” e de aplicar “políticas de austeridade que van contra a nosa cultura”, en referencia ao recorte nun 44% dos orzamentos destinados a este sector nos últimos catro anos. “Tanto o Señor Feijóo como o Señor Rajoy saben que a cultura constitúe unha dimensión fundamental do proceso de desenvolvemento dos pobos e contribúe a fortalecer a independencia e a soberanía e a identidade nacional, por iso non a defenden”, engadiu.

Uxía Senlle, Chus Pato e Borja Salcedo leron entre os tres unha Declaración sobre a cultura galega elaborada entre toda a delegación nos días previos á visita a Bruxelas. Nela, incidiron en que “Galiza entende a cultura como aquelo que nos permite recoñecernos” e criticaron que “a UE parece ter esquecido que todo feito identitario comeza por ser cultural”. “Para iso estamos aquí, para lembrar que a cultura galega existe de par doutras e que, por esquecemento, ignorancia ou desinterese, está sendo agredida como está sendo agredida a idea dunha Europa xusta e solidaria, socialmente diversa e culturalmente equitativa”.

Chus Pato denunciou o “constante baleirado político e económico que padecen as culturas europeas na propia Europa”. Uxía Senlle engadiu que “a cultura galega ao igual que a lingua padecen un mesmo asedio, o asedio provocado pola inexistencia de políticas específicas coñecedoras do contexto cultural, social, económico e artístico, tendo por homoxéneas comunidades, tradicións, usos e interpretacións dos novos medios e imaxinarios colectivos que son diferenciais”.

Comentarios