O Defensor do Pobo considera "nula" unha concesión directa da Xunta ao Concello de Cerdedo-Cotobade

O Goberno local, rexido polo popular Jorge Cubela, recibiu 680.000 euros para a rehabilitación dos baños de San Xusto, á beira do río Lérez. A institución conclúe con que non se respectou o procedemento aberto e de concorrencia competititva e que se incumpriu a Lei de Transparencia.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade; Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubelo, nunha reunión en decembro de 2018 (Imaxe: Xunta da Galiza)
photo_camera A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade; Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubelo, nunha reunión en decembro de 2018 (Imaxe: Xunta da Galiza)

En 2019, a Xunta da Galiza, Concello de Cerdedo-Cotobade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) asinaron a concesión dunha “subvención directa” para a rehabilitación da contorna dos Baños de San Xusto.

O convenio foi estudado polo Defensor do pobo a raíz dunha queixa da alcaldía de Ponte Caldelas, pola “falta de transparencia” coa que foi tramitada esta liña de axudas, non permitindo que todos os Concellos da Galiza puidesen optar ás axudas da Xunta en igualdade de condicións. O Goberno local deste municipio promovía un proxecto termal similar ao de San Xusto.

A resolución do Defensor do Pobo, institución dirixida por Francisco Fernández Marugán, vén de dar a razón ao socialista Andrés Díaz na súa reclamación. Na súa resolución asegura que non se tramitou o “procedemento legalmente estabelecido de concorrencia competitiva” e que a adxudicación directa das axudas, en dúas anualidades de 280.000 euros en 2019 e 400.000 en 2020, realizouse sen que se reunisen os “requisitos esenciais” para facelo.

Segundo a resolución, a institución considera que non se acreditan os motivos polos cales se escollen dúas áreas de interese paisaxístico no municipio de Cerdedo-Cotobade, gobernado polo popular Jorge Cubelo, e non outras das incluídas no Catálogo de Paisaxes da Galiza. Nin se xustifican as razóns polas que se escolle ese municipio e non outro.

Lei de Transparencia

A resolución inclúe que o acordo con Cerdedo-Cotobade “non figura” no rexistro de convenios máis dun ano despois da súa sinatura. “Aínda que se publicaron certos datos no Diario Oficial da Galiza, non se identifica o beneficiario da subvención nin se publica o texto completo do convenio nin a súa memoria”, engade, concluíndo que a Xunta non cumpre coas previsións da Lei de Transparencia da Galiza.

Nesa liña, o organismo emitiu unha suxerencia para “revisar” dito convenio, “declarar a súa nulidade” e “exixir o reintegro” da cantidade concedida ao Concello de Cerdedo e Cotobade ao tempo que recomenda outorgar as axudas destinadas a entidades locais “a través dun procedemento de concorrencia competitiva”.

Comentarios