A xuíza De Lara confía en que o Constitucional admita o seu recurso

O Consello Xeral do Poder Xudicial impúxolle unha sanción de sete meses e un día por "dilacións indebidas".
A maxistrada do Xulgado nº 1 de Lugo, Pilar de Lara, coñecida por instruír macrocausas como a Operación Carioca (Foto: Europa Press).
photo_camera A maxistrada do Xulgado nº 1 de Lugo, Pilar de Lara, coñecida por instruír macrocausas como a Operación Carioca (Foto: Europa Press).

O avogado da xuíza Pilar de Lara, Agustín Azparren, confía en que o Tribunal Constitucional admita o recurso contra a sanción de sete meses e un día, por dilacións indebidas, que lle impuxo o Consello Xeral do Poder Xudicial ( CXPX), mais matizou que podería tardar aínda "varios meses".

A renovación ou non o Consello Xeral do Poder Xudicial pode ser chave no recurso presentado ante o Tribunal Constitucional pola ex xuíza do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, segundo sinalou o letrado. Nesa apelación acreditouse tamén que "hai vulneración de dereitos fundamentais", no que foi a sanción que a apartaba dese xulgado. Agora Pilar de Lara exerce nun xulgado de Ponferrada.

"Aínda que se acredite que hai vulneración de dereitos fundamentais e, ademais, ten que haber un interese polo Tribunal Constitucional en que ese asunto teña transcendencia, porque son temas que non foron tratados polo alto tribunal", detallou o avogado.

Azparren confía que finalmente sexa "admitido a trámite", aínda que asume que "pasan moi poucos recursos, só catro ou cinco por cento son os que se admiten". "Confiamos que poida ser admitido —unha vez presentado—, é difícil, mais o que pasa é que vendo no que se basea o recurso hai certa posibilidade de que sexa admitido finalmente", apostilou.

Outra cuestión sobre a que se fía o exhorto é "a lexitimidade do Consello Xeral do Poder Xudicial, e este é un tema bastante importante que si que se pode ter en conta". Foi o órgano que se encargou de impor o castigo á xuíza lucense. "E pódese ter en conta vendo o que ocorre cos problemas de que non se poñen de acordo os partidos políticos, en que se seguen aplicando sistema de cotas", precisou.

"Repartimento de cromos"

Azparren insistiu en que isto "pode que teña transcendencia para o Tribunal Constitucional, porque xa se pronunciou en 1986 e o que dixo é que o sistema de que [o CXPX] o elixise o Parlamento era constitucional, pero sempre que non se aplicase un sistema de cotas, ou o que vulgarmente dáse en chamar un repartimento de cromos [entre os partidos para esta elección]".

"Desde 1986 e ata o de agora tense visto que non foi así. É unha oportunidade de que o Constitucional se pronuncie sobre este tema", sinalou finalmente o avogado madrileño.

A xuíza Pilar de Lara foi desautorizada por dilacións indebidas nas múltiples causas que levou no Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, con operacións importantes e mediáticas como a 'Carioca', sobre redes de prostitución, ou a 'Pokémon' con ramificacións en moitos concellos da Galiza e de fóra do país por "mordidas" a cambio de concesións públicas.

Comentarios