Ana Miranda, Olaia Fernández Davila, Rosana Pérez, Francisco Jorquera e o portavoz nacional do BNG levaron a cabo a xuntanza interparlamentar coa que a organización frontista procurou avaliar o traballo desenvolvido nas tres Cámaras de representación e deitar as "liñas de traballo a seguir" durante o vindeiro período de sesións.
Nun momento marcado pola crise económica e a perda de dereitos sociais, @s nacionalistas fixaron como obxectivos para o que resta de lexislatura a loita contra a "estratexia recentralizadora" do Partido Popular e a defensa "dos intereses populares" para continuar a ser, din, "o escano do pobo galego" nas institucións.
Un perfil en contraste coa dereita
@s representantes do BNG nos Parlamentos galego, español e europeo avaliaron "moi positivamente" o traballo desenvolvido durante este período que se concretou en perto de 2000 iniciativas na Galiza, máis de 400 intervencións no Congreso español e máis de 2000 emendas presentadas en Bruxelas.
O portavoz nacional frontista, Xavier Vence, denunciou a "agresiva política" dos gobernos do PP en contraste co exercicio da crítica" e a "defensa das alternativas" levadas a cabo pol@s parlamentares do BNG --acrecentou o voceiro nacionalista na Cámara galega, Francisco Jorquera.
O contacto cos movementos sociais, a "defensa dos intereses de Galiza" e dos seus "sectores produtivos como o naval", foron algunhas das cuestións salientadas pol@s representantes nacionalistas que consideraron preciso "continuar nesta liña no vindeiro período de sesións", salientou Olaia Fernández Davila, portavoz do Bloque no Congreso español.
Reforzar a actividade parlamentar e "defender a Galiza"
"Este é o escano do pobo galego", subliñou a eurodeputada Ana Miranda que con pouco máis dun ano como parlamentar en Bruxelas desenvolveu un "importante labor", sinalou o portavoz nacionalista Xavier Vence.
"Fronte á estratexia de degradación da democracia e das institucións" da dereita, apuntaron, @s nacionalistas márcanse como obxectivos para o vindeiro período "reforzar a actividade parlamentar" de maneira coordinada entre as diversas insitucións e continuar "representando os intereses da Galiza dentro e fóra do país".