sábado 30.05.2020

“O dedo de Baltar é o criterio para o reparto de fondos na Deputación de Ourense”

Poñer fin ao clientelismo na concesión de fondos aos concellos por parte da Deputación de Ourense e que estes pasen a se rexir por criterios obxectivos é a proposta que vén de presentar o BNG de Ourense. Falamos con Ramiro Rodríguez, deputado provincial nacionalista.

“O dedo de Baltar é o criterio para o reparto de fondos na Deputación de Ourense”

- Propodes un Plan Único, dotado con 30 millóns de euros, e que o reparto de fondos de cooperación da Deputación se faga en base  a criterios e baremos obxectivos para evitar o reparto clientelar e discrecional que, denunciades, fai a entidade presidida por Baltar.

- Fixemos unha comparativa coas outras deputacións de Galiza en canto ao reparto dos fondos de cooperación. En base a iso e a uns criterios que estableceu a Fegamp (dispersión, poboación, superficie e índice de avellentamento) calculamos un reparto para os concellos da provincia, en igualdade de condicións. Cando falamos de que ese Plan estea dotado con 30 millóns é unha proposta, por entender que é unha cantidade viábel e asumíbel pola propia Deputación, é un terzo do orzamento da Deputación.

- Unha cantidade que estaría na liña da porcentaxe que se dedica nas outras deputacións de Galiza, das que a de Ourense fica agora mesmo a moita distancia (un 10% do orzamento)...

- A Coruña reparte 41%, Lugo, 25%, e Pontevedra, 27 por cento. En todo caso, eses 30 millóns é unha proposta, non é o máis importante da cuestión. O fulcral é o sistema de reparto desas axudas, que actualmente é a dedo, clientelar, onde o concello piden e nominativamente desde a Deputación dáselle fondos sen ningún criterio. Do que se trata é de cambiar isto, de que se apliquen criterios obxectivos, como xa fan nas outras Deputacións, para que haxa un reparto xusto.

Fixemos unha comparativa entre concellos da nosa provincial e outros similares das outras provincias galegas e vemos unha fenda abismal en canto a fondos recibidos. Un municipio como Allariz agora recibe menos de 70.000 euros e concellos similares na Coruña, como Ortigueira, máis dun millón de euros.

Para nós, eses fondos da Deputación teñen que ser coñecidos e con eses criterios obxectivos todos poderiamos saber de que cantidade vai dispoñer cada concello, e estes xa terían esa previsión, co que poderían planificar actuacións, servizos, obras...

- Actualmente, pois, non hai obxectividade algunha no reparto dos fondos por parte da Deputación aos concellos e saen beneficiarios os do PP..

A resposta a iso que nos dan é sempre a mesma: 90% dos concellos da provincia son do PP, polo que é lóxico que leven máis. Mais a nosa proposta vai alén diso. Analizamos o que aconteceu nestes dous anos, as cantidades que se repartiron aos concellos. E vemos que hai discriminacións, concellos moi favorecidos a respecto doutros. É unha situación escandalosa. Nós o que queremos é acabar con esa dinámica de que un concello quere facer algo, ten que vir á Deputación e o señor presidente é o que decide se lle dá ou non financiamento, sen máis. Iso non pode ser, hai que cambialo. Non é xusto.

- Nunha provincia como Ourense, o papel e función da Deputación ten máis ‘peso’ que noutras provincias á hora de axudar e colaborar cos concellos...

- Aquí non fai iso. Ese argumento de que as deputacións están para axudar os municipios pequenos, pois na realidade non é así. O mellor xeito de axudar un concello, sexa pequeno, mediano ou grande, é garantirlle un financiamento axeitado. Os municipios son os máis achegados aos cidadáns, coñecen mellor as necesidades, o que cómpre facer en obras, servizos... O problema que temos é precisamente o do financiamento, para financiar servizos, obras... O criterio que existe agora na Deputación para o reparto de fondos é o dedo, a discrecionalidade do presidente. De aí que pidamos que se apliquen os criterios da Fegamp. 

comentarios