Un decreto lei facilitará a exhumación dos restos de Franco

O goberno estatal conta con aprobar na próxima sexta feira a medida lexislativa para trasladar os restos do ditador

val dos caídos
photo_camera Valle de los Caídos.

O Consello de Ministros da próxima sexta feira 24 de agosto aprobará un decreto lei que modificará a Lei de Memoria Histórica. Segundo explicou o ministro de Cultura e Deporte, José Guirao, esta medida evitará as posíbeis demandas xudiciais que paralizarían a iniciativa de sacar os restos de Francisco Franco do Valle de los Caídos. O político propón dotar o monumento funerario dun rol como o que actualmente ostentan os campos de concentración nazis no resto da Europa, mantidos en pé “para que a xente non esqueza o horror”.

O ministro explicou nunha entrevista en Cadena Ser que o decreto lei deberá ser convalidado polo Congreso de Deputados, cuestión que agarda que sexa abordada ao inicio do período de sesións. Isto é, a partires da segunda semana de setembro. “Será de maneira inmediata, o antes posíbel”, concluíu.

A urxencia para tratar a exhumación dos restos de Francisco Franco responde ás declaracións do actual presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Xa no pasado mes de xuño, o líder socialista garantía a realización desta medida, en cumprimento coa Lei de Memoria Histórica, aprobada en maio de 2017. Aínda que o procedemento do traslado dos restos estaba programada para ser realizada hai meses, a mediados de agosto o Goberno estatal admitiu atrasos debido a discrepancias coa familia do ditador.

Comentarios