A partir de sábado

O Goberno español decreta o estado de alarma polo coronavirus

A partir deste sábado, día 14 de marzo, queda decretado o estado de alarma. "Vai ser moi duro e díficil mais imos parar o virus". Así o advertía o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, esta sexta feira.
Pedro Sánchez anunciou onte un paquete de medidas económicas e adianto de transferencias ás comunidades.
photo_camera Pedro Sánchez anunciou onte un paquete de medidas económicas e adianto de transferencias ás comunidades.

O Consello de Ministros reunirase o sábado de maneira extraordinaria para decretar o estado de alarma perante a pandemia de coronavirus, tal e como avanzou na tarde da sexta feira o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha declaración institucional no Palacio da Moncloa.

Sánchez comunicou esta decisión ao rei Felipe VI e ás forzas políticas e esta tarde falará cos presidentes das comunidades autónomas, aos que agradeceu de antemán o seu traballo e comprensión.

Non desbotouu o presidente chegar a 10.000 persoas contaxiadas e explicou que a declaración do estado de alarma "permite a máxima mobilización de recursos materiais para combater o virus", pero tamén insistiu en chamar á responsabilidade individual para que o conteña.

As medidas a adoptar baixo o estado de alarma estarán "encamiñadas a mobilizar todos os recursos do conxunto do Estado", tanto "económicos como sanitarios, públicos e privados, civís e militares", para "protexer mellor a saúde de todos os cidadáns. ", particularmente os máis vulnerables á enfermidade", dixo Sánchez.

O presidente tamén xustificou a necesidade de decretar o estado de alarma para responder á emerxencia social e económica "coa máxima axilidade e contundencia". "Queremos a máxima coordinación dos recursos, eficaz e garantida do conxunto das administracións públicas e o seu mellor funcionamento", dixo.

"O Goberno de España protexerá a todos os cidadáns e garantirá condicións de vida adecuadas para deter a pandemia co menor dano posíbel", dixo o presidente, que se puxo a disposición do Congreso dos Deputados para informalos "inmediatamente" desta decisión.

Esta tarde, avanzou Sánchez, ten intención de falar por teléfono con todos os presidentes dos territorios.

O xefe do Executivo advertiu de que o Estado español só está na "primeira fase" da loita contra o coronavirus, polo que as semanas "moi duras" están por vir. Sánchez advertiu que non desbota que a próxima semana o país supere os máis de 10.000 afectados pola enfermidade.

O presidente explicou que todos os esforzos sanitarios están dirixidos a previr unha propagación demasiado rápida da enfermidade para poder axudar a pacientes que, debido a enfermidades anteriores ou á súa idade, son máis vulnerables e requiren atención hospitalaria.

Comentarios