Unha nova petición, e van 14, para que o Congreso investigue fortuna e negocios do rei emérito español, Juan Carlos I. Rexistouse esta terza feira e desta vez ten como marco a investigación de ‘Público’ na que sinala a venda de armas como un dos negocios que fraguou millóns de euros para o Borbón.
“O BNG rexistrou, xunto con outras forzas soberanistas, unha solicitude de Comisión de Investigación sobre os negocios turbios do Borbón fugado, agora en relación co tráfico de armas con ditaduras ‘amigas’. O mar de lama parece non ter fin!”, escribía nas redes sociais Néstor Rego, deputado do nacionalismo galego no Congreso español.
Juan Carlos I fraguaría a súa fortuna a través do tráfico de armas en países árabes, segundo adiantou este domingo en exclusiva o diario Público nunha información asinada por Carlos Enrique Bayo. A suposta fraude sería realizada canda o que foi o seu administrador privado, Manuel Prado y Colón de Carvajal.
A Mesa do Congreso, cos votos de PSOE, PP e Vox, veu rexeitando a tramitación de todas as iniciativas destinadas a investigar as actividades do pai de Felipe VI
O medio remóntase ata 1977, cando o rei emérito nomeou o seu amigo Colón de Carvajal senador por designación real, “así como administrador solidario ao 50% –como pantalla da súa propia participación– de todos os seus negocios, empezando polo máis rendíbel que hai: a venda de armas”.
Nese momento, e sempre segundo este medio, nunha visita a Riad –capital e principal centro de negocios de Arabia Saudita–, Juan Carlos I iniciou as negociacións para a fundación da empresa que canalizaría “o comercio entre ambos os dous países”: Alkantara Iberian Exports. O príncipe Fahd –“naquel momento home forte do réxime do rei Jaled, sucesor de Faisal”– nomeou delegado saudita da empresa ao traficante de armas Adnan Khashoggi, mentres que Juan Carlos I designou Manuel Prado como presidente da compañía.
A Mesa do Congreso, cos votos de PSOE, PP e Vox, veu rexeitando a tramitación de todas as iniciativas destinadas a investigar as actividades do pai de Felipe VI, alegando que a Cámara non pode exercer o control sobre o xefe do Estado e que a súa figura é “inviolábel”, segundo a constitución española.