Os deberes pendentes de Feixoo diante da crise

A realidade agarda por Alberto Núñez Feixoo. Se na segunda feira eran os traballadores e traballadoras do complexo de Alcoa en San Cibrao quen demandaban ao presidente en funcións unha alternativa aos despedimentos provocados polo fechamento, no día de onte facíano os da factoría de aluminio da Coruña. Á critica situación económica da Galiza, agravada por unha pandemia que abre novas fendas noutros sectores da actividade, súmase tamén un escenario de emerxencia sanitaria que obriga a pór a punto os servizos públicos.
Feixoo co comité de empresa de Alcoa (Xunta)
photo_camera Feixoo e Conde co comité de empresa de Alcoa (Xunta)

Asituación da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) foi un tema chave da campaña electoral na Galiza. A decisión da dirección da compañía de despedir perto de 500 traballadores e traballadoras -cantidade que se elevaría a máis de 800 tendo en conta as auxiliares- dunha empresa que é o principal motor económico do norte galego e as importantes mobilizacións para protestar contra a medida converteron a problemática desta fábrica nunha cuestión central na axenda da totalidade das formacións políticas. A 10 días de que remate o prazo para facer efectivo o Expediente de Regulación de Emprego anunciado pola multinacional, a representación social da factoría exixe a Alberto Núñez Feixoo que cumpra coas súas promesas.

O presidente galego garantiu a continuidade da actividade na planta en caso de repetir á fronte da Xunta. Ademais, Feixoo comprometeu o seu apoio á intervención da fábrica, aspecto sobre o cal deberá manifestarse o seu partido no Congreso. A defensa do emprego na factoría de San Cibrao é unha das primeiras tarefas que ten por diante o Executivo galego en funcións, cos ollos dos traballadores e traballadoras e do conxunto da comarca da Mariña postos nos compromisos do Partido Popular.

Alcoa non é máis que un exemplo da crise do sector industrial na Galiza. Outro tanto acontece na construción naval, un dos sectores estratéxicos da economía, na empresa auxiliar do automóbil, na actividade conserveira, exemplificada no conflito da fábrica de Thenaisie Provote no Grove, e noutras áreas da actividade económica en todo o país. Na segunda feira, nunha intervención diante da dirección do Partido Popular para valorar os resultados electorais, o presidente galego referiuse á situación dalgunhas destas empresas e expresou a súa vontade de atoparlles unha solución. Os traballadores e traballadoras afectadas agardan agora que pase das palabras aos feitos.

As novas fendas económicas

A pandemia abriu unha nova fenda económica na Galiza. As actividades ligadas ao sector servizos están padecendo de maneira moi particular as consecuencias dunha situación que retrae o consumo interno e que muda os hábitos da cidadanía. Neste contexto, o comercio retallista e a hostalaría estanse levando a peor parte, con centos de negocios fechados ao longo de todo o país e con máis de 1.900 traballadores autónomos que cesaron na súa actividade nos primeiros cinco meses deste ano. Feixoo foi un dos poucos presidentes autonómicos que se negou a arbitrar axudas para este colectivo, aprobando nas últimas semanas un chamado "cheque autónomo" que non cobre as expectativas.

O desenvolvemento da campaña turística apunta a un empeoramento da situación no sector servizos. A caída das reservas como consecuencia da pandemia e do rebrote da Mariña apunta a unha crise sen precedentes na actividade comercial na Galiza para o outono, razón que está levando as asociacións de autónomos e autónomas a demandar liñas de axuda que permitan facer fronte á situación. A Federación de Comercio da Mariña foi a primeira en solicitar medidas, avanzando nun camiño que van percorrer outras asociacións nos próximos días co obxectivo de que Feixoo faga efectivos os compromisos electorais nese sentido.

A axenda económica vai mandar na lexislatura que comeza. O previsíbel deterioro das condicións de vida das maiorías sociais como consecuencia dun aumento das taxas de desemprego e da perda de poder adquisitivo do conxunto da poboación obrigan os poderes públicos  a arbitraren mecanismos que palíen os seus efectos. O presidente galego expresou durante a campaña o compromiso do seu Goberno de que "ninguén fique atrás". Porén, no seu programa non concretou ningunha proposta, deixando en mans das ONG a atención aos sectores máis desfavorecidos.

A debilidade dos servizos públicos

O corononavirus deixou ao descuberto as debilidades dos servizos públicos na Galiza. Un caso paradigmático atopámolo no Servizo Galego de Saúde (Sergas), onde as políticas de recortes aplicadas polos diferentes Executivos de Feixoo concretáronse nunha falla de persoal especializado, nunha diminución de camas hospitalarias e nunha redución das prazas da Unidade de Coidados Intensivos (UCI). Así, por exemplo, a finais do mes de febreiro a cobertura das UCI situouse en 5,92 prazas por cada 100.000 habitantes, fronte ás 8,28 por cada 100.000 habitantes do conxunto do Estado español ou das 12,5 por cada 100.000 habitantes de Italia.

Se na primeira vaga da pandemia a menor afección do coronavirus na Galiza evitou un colapso no Sergas, a ausencia de medidas de prevención por parte da Consellaría de Sanidade pon en risco, segundo colectivos como SOS Sanidade Pública e sindicatos, a resposta en posteriores rebrotes. Estas entidades advirten de que Feixoo non adoptou medidas para dotar de máis medios humanos e materiais a sanidade pública. De feito, iniciou a súa etapa como presidente en funcións neste novo período acometendo recortes como a supresión da ambulancia medicalizada do distrito sanitario do Salnés, segundo denunciou onte a CIG, sindicato maioritario no sector.

A mortalidade, advertiron plataformas como Rede, Federación Galega de Usuarios e Familias de Residencias e Dependencia, tamén se viu favorecida pola ausencia dun compromiso cun sistema de xestión pública para a atención ás persoas da terceira idade. A xestión pública nas residencias representa 22,8% das prazas da Galiza e concentra menos de 1% das persoas falecidas durante a pandemia, fronte aos centros de maiores privados, que sumaron 99,2% das mortes vinculadas a residencias, e 44,58% do total das defuncións producidas no país a causa da Covid-19. Unha circunstancia que se viu agravada pola negativa do Goberno galego a intervir xeriátricos malia coñecer, polas actas do Servizo de Inspección da Consellaría de Benestar, as deficiencias dos mesmos.

Feixoo comprometeu mudanzas no modelo de xestión dos centros de maiores. Así, en diversas comparecencias públicas no mes de abril apuntou á necesidade de introducir cambios, mais até a altura non se acometeu ningún. As asociacións de familiares de usuarios das residencias observan como a Xunta da Galiza "mira cara a outro lado" diante das "carencias e a precariedade" que se manifesta na meirande parte das residencias privadas. 

Comentarios