O Bloque resumiu en cinco pontos a axenda galega a tratar polo novo goberno español, o constituído após a moción de censura que esta sexta feira puxo fin -co contributo decisivo das forzas soberanistas vascas e catalás- á estancia de Raxoi na Moncloa.
A primeira demanda do Bloque a Pedro Sánchez é o recoñecimento de Galiza como nación. A formación nacionalista mostrou a súa preocupación nas últimas horas pola ausencia de Galiza no debate, moi marcado pola cuestión nacional, mais só en relación con Euskadi e Catalunya. A transferencia da AP-9 e o fin das "abusivas" peaxes, a derrogación da "ilegal e inmoral" prórroga de ENCE, a fixación dunha tarifa eléctrica galega e a mellora do financiamento dos concellos galegos son os outros aspectos da axenda galega que o BNG vai trasladar á Moncloa.
.@sanchezcastejon vai tomando nota da #AxendaGalega
— BNG (@obloque) 2 de junho de 2018
✅ Recoñecemento de Galiza como nación.
✅ Transferencia da AP-9 e fin das abusivas peaxes.
✅ Derrogar a ilegal e inmoral prórroga de ENCE.
✅ Tarifa eléctrica galega.
✅ Mellorar o financiamento dos concellos galegos. ... pic.twitter.com/5hasyAyvI0
A posición do BNG sobre a mudanza política operada nas últimas horas no estado expresouna Ana Pontón por medio de dous chíos:
O debate da moción deixou espida unha dura realidade: Galiza non existe no debate estatal. Euskadi e Catalunya marcan a súa propia axenda de país. O @FeijooGalicia conduce á irrelevancia política e isto significa perder oportunidades.
— Ana Pontón (@anaponton) 1 de junho de 2018
E mentres tanto, chega o primeiro aceno simbólico do novo executivo. Pedro Sánchez tornouse este sábado no primeiro presidente español que toma posesión do seu cargo nun acto de fasquía laica, sen crucifixos e sen biblias.