LIDIA SENRA, EUROPARLAMENTAR DE AGE

“A débeda pública é un instrumento de chantaxe permanente”

A europarlamentar de AGE, Lidia Senra, participou na xornada sobre débeda pública organizada polo grupo GUE/NGL en Compostela. Advirte de que débeda do Estado español “é xa impagábel” e advirte de que cada crianza soporta a nivel estatal unha débeda superior a 23.000 euros.

Eric Toussaint, Beiras e LIdia Senra na xornada sobre a débeda
photo_camera Eric Toussaint, Beiras e LIdia Senra na xornada sobre a débeda

Por que son necesarias xornadas coma esta?

Eu creo que son fundamentais para intentar dúas cuestións. Por unha banda, para incidir de cara a que os partidos de esquerda, tanto os partidos galegos como os de ámbito estatal, tomen conciencia de que a débeda é gravísima e que baixo esa escusa se adoptan políticas antisociais que sufrimos nos últimos tempos. É necesario tomar conciencia desa situación e que a cuestión se someta ao debate electoral, que sexa algo que estea no día a día. E, doutra banda, para tratar de crear unha conciencia na opinión pública do que significa a débeda, porque ás veces non vinculamos como a débeda serve para impoñer políticas antisociais e contra os nosos dereitos.

Por que non se fala da débeda? Dá a impresión de que non interesa.

Porque é un negocio para uns poucos e é un instrumento de chantaxe permanente: como temos débeda aceptamos políticas para sobrevivir na débeda, e desta maneira mantemos de xeonllos as clases populares. É tamén unha arma para avanzar nas políticas antisociais e para seguir facendo políticas en favor do gran capital e por riba dos intereses das persoas. Non é lícito que a cidadanía teña que pagar a débeda en detrimento dos servizos públicos e dos seus dereitos laborais, cando por riba a débeda foi orixinada na súa inmensa maioría por sectores privados, como a banca e grandes multinacionais Por todo isto semella que non interesa.

Juncker vén de advertir de que o novo Goberno estatal terá que destinar a pagar a débeda a medida fiscal que adopte.

Veu dicir: “Ollo! Que aquí estamos nós para dicir que temos que facer”. É curioso como o PP, para o que a constitución é algo tan sagrado e intocábel, que sempre cita cando lle nega o referendo a Catalunya, promoveu xunto ao PSOE unha reforma exprés da constitución para garantir o pagamento da débeda. Agora sae Juncker dicindo “voten o queiran porque vai ser igual”. É fundamental que os partidos de esquerda con posibilidade de gobernar asuman o compromiso de que se van plantar.

Qué consecuencias tería o impago da débeda?

As ameazas poden ser de todo tipo. A experiencia que hai é a de Grecia. Ameazáronos con sacalos do euro e o Goberno achantou. Agora o pobo está a sufrir unhas condicións durísimas. Mais, pola contra, están os exemplos do Ecuador ou de Islandia, que non pagaron a débeda por considerala ilexítima e iso permitiulles ter diñeiro para facer políticas sociais. Se os gobernos piden unha auditoría da débeda e plántanse e se os pobos se manteñen en pé de guerra, podemos gañar moito. Aínda que nos digan que nos van botar do euro, teremos que valorar as dificultades e decidir entre iso ou vivir permanentemente axeonllados. A débeda do Estado español é completamente impagábel e o peor é que cada vez temos menos dereitos sociais e menos pensións. E vanse destruír os servizos públicos, que se deterioran ano tras ano. As consecuencias van ser horríbeis.

Por que a débeda é ilexítima?

Éric Toussaint fai tres clasificacións da débeda. Di que é ilexítima  cando se contrae a favor dunha minoría privilexiada, é dicir, se nos endosa a nós para salvar os bancos ou grandes empresas, que son a minoría privilexiada. Di que é ilegal cando hai unha sobrefacturación. E é odiosa cando as condicións que che poñen pola débeda viola dereitos fundamentais. Por iso se pide auditoría, para determinar dentro das clasificacións que tipo de débeda hai no Estado español. A auditoría da débeda é un instrumento fundamental para facer fronte desde un  Goberno de esquerdas a esta chantaxe.

Comentarios