Un debate TT e onde cada parroquia proclamou a vitoria da súa ou do seu candidato

O formato 'restrinxido' do debate e a intervención en español da candidata de Ciudadanos, entre as cuestións que máis ferveron polos redes sociais a respecto do #DebateCrtvg. Mais non foron as únicas.

Twitter

Era un debate esperado nas redes sociais, un HT, #debatecrtvg, que axiña se fixo TT e que logrou máis de sete millóns de impresións nas redes sociais cando aínda faltaba unha hora para o inicio. Agora ben, twitter é o que é, e entre 'believers' dos diferentes candidatos e os correspondentes trolls, tentar seguir cun mínimo de obxectividade un debate polas RRSS é un pouco daquela maneira.

Ao debate chegouse con preguntas abertas nas redes sociais sobre en que idioma falaría a candidata de Ciudadanos e tamén algunhas queixas polo “favoritismo” ao PP no tratamento dos temas por parte da CRTVG. Mesmo había espazo para o humor e alguén se preguntaba como podía ser que entre os 5 bloques en que se dividía o debate non había ningún adicado a como se ía chamar o fillo de Feijóo, cuxo nacemento foi a noticia durante parte desta segunda feira.

O debate comezou cunha intervención de Feijóo na que recurriu a un argumento que o PP leva empregando desde hai semanas: ou nós ou o caos. Porén, para @pombinho10 non deixaba de ser loábel que levados uns minutos de debate “Feijóo aínda non descolocou ningún pronome”. @diegoebarros considerou “normal” que Luis Villares empregase parte do seu primeiro minuto en presentarse: “Normal. Van a concursar. Cando non te coñecen, preséntaste”.

Formato

Nos primeiros compases, e a medida que avanzaba o debate, dúas cuestións centraban as críticas nas redes sociais. Por unha banda, o formato do debate así como o labor dos moderadores. “Este formato é terríbel. Non é un debate é unha sucesión de monólogos”, escribía @Lara_marin. Para @jonaDSV, co formato escollido “non se profundiza. É de trámite, sen riscos”.

Por outra, o feito de que boa parte dos candidatos lesen as súas intervencións. Algo do que, indicaba @cascarelo nos primeiros lances do deabte, só libraban Feijóo e Ana Pontón. @javier_brea reclamaba un “Stop a ir a debates a ler papeliños”. A medida que avanzou o debate, porén, foise lendo menos e entrando máis no “corpo a corpo”.

En castelán

Unha cuestión estrela no debate nas redes sociais foi o feito de que a candidata de Ciudadanos fixese as súas intervencións en castelán. Provocou unha maré de críticas nas fedes sociais, tamén de non poucos twiteiros que escriben en castelán mais consideraban que o de Cristina Losada era “un insulto á cultura galega”. A de CS foi albo, a maiores, de numerosas críticas polas súas propostas e intervencións.

A medida que avanzaba o debate, e en cada un dos bloques, as mencións eran constante no twitter, para retrucar os datos de Feijóo ou para reforzalos, dependendo de quen.

Dúas horas de debate dan para moito e máis nese fervedoiro metade caos metade feira que poden ser as redes sociais. E había gañas, que era o primeiro debate galego na época da universalización das redes sociais. Para @eFeleBe Luis Villares foi o mellor (“verdades como puños, grande @villaresluis”), mentres que para @ghanito “o mellor, Feijóo manipulando datos. Na oposición, Pontón con moitísima diferencia”. “Leiceaga atacando ben pero fáltalle forza”, anotaba @AntonioAgrelo e @bertitxi criticaba que “Feijóo o único que sabe é facer oposición da oposición”.

Na mesma liña, @Dijochoeu afirmaba que “Feijoo ten mais táboas que o resto. Iso é evidente. E máis caradura tamén, ollo”. @jorge_cubela considera que desta cita sae “un presidente, Feijóo, e 4 posíbeis vicepresidentes”. O xornalista e comunicador @LuisFRagaTV concluíu que no debate “Feijóo e Pontón destacan. Leiceaga desorientado coa cámara. Villares le, non conta. Losada comete o erro de falar en castelán”. O tamén xornalista @gonzalocortizo afirmaba: "O mellor fronte a Feijóo, sen dúbida @anaponton"

Marcial Dorado e 'crisi'

Non tardou en saír a polémica fotografía entre Núñez Feijóo e o narcotraficante Marcial Dorado. Ana Pintón fixo relación á mesma na súa primeira intervención, mais sen amosar a xa famosa imaxe na que os dous saen nunha embarcación de recreo. Axiña a pendurou @antonlosada na súa conta para refrescar a memoria.

A primeira vez que Feijóo pronunciou a palabra 'crisi' (un dos palabros característicos do seu galegueiro, que dirían Os da Ría) twitter encheouse do HT #Chupito. Unha boa mostra de que se agardaba con verdadeira paixón que saíse a palabra do galego 'feijoniano'.

Nas redes sociais semella que Feijóo saíu tocado do debate, peor de como entrou no mesmo. Mais, aínda que a algúns lles custe crelo, pódese perder en twitter e gañar nas urnas. E pódese gañar nas redes sociais e perder nas urnas. Cousas de confiar moito na telepolítica. Escribiuno @ofunambulista botando man do 'Howl' de Ginsberg: “Vin as mellores mentes da miña xeración flipando coa telepolítica #ouveo”. Porque twitter será a nova area política, a nova 'ágora' e a nova praza. Mais, nunhas eleccións, un voto aínda val máis que mil chíos. Lástima fora.

Comentarios