#DEBATENACIONGZ14

Nen unha soa proposta de Feijóo para alargar o autogoberno

O presidente abriu o #debatenacionGZ14 cun discurso triunfalista no que describiu un país que a pé de rúa a moit@s sóalles a imaxinario. Do ensino ao naval, da sanidade á pesca ou auto-goberno, todo vai mellor que cando el chegou á Xunta.

Alberto Núñez Feijóo [M. Montero]
photo_camera Alberto Núñez Feijóo [M. Montero]

Núñez Feijóo escolleu esta terza feira ser Lewis Carroll no debate do estado da nación para intentar convencer de que Galiza vive no país das marabillas. Nun discurso de case dúas horas, o presidente da Xunta describiu un país que a moit@s lles custaría recoñecer. E mesmo fixo promesas de máis e mellores avanzos (milleiros de prazas en garderías e prazas de dependencia, por exemplo) en eidos onde os recortes se cebaron. Tivo tempo para xogar a ser estadista (español) e criticar o proceso catalán. Tamén de facer unha chiscadela ao populismo: proposta de recortar a unha semana as campañas electorais e restrinxir os fondos dos partidos políticos. Mais non para falar da corrupción que atinxe a cargos e filiad@s dos eu partido.

Emprego

O presidente da Xunta comezou a súa intervención cunha lembranza para as 208.000 persoas en desemprego que hai en Galiza. Mais insistiu en que Galiza está mellor que hai un ano. Anunciou 45 millóns de euros para un plan de emprego xuvenil e unha serie de incentivos para as e os parados de máis de 45 anos.

Servizos sociais

Comezou xogando forte o presidente galego. Presumiu de que Galiza ten agora mellores servizos públicos que cando el chegou á Xunta, afirmou que o seu goberno está “a carón dos desafiuzados e dos excluídos” e ofreceu cifras que, asegurou, indican que en sanidade e educación estase a avanzar. Mesmo prometeu que até final de lexislatura irá criar 2.000 novas prazas de dependencia e outras tantas en postos públicos en gardeirías.

Autogoberno

O presidente defendeu o modelo autonómico actual como o máis acaído para Galiza e cargou contra o proceso que se vive en Catalunya, cualificándoo de “aldraxe”. Feijóo recoñeceu que no pasado o Estado español “non se portou ben cos galegos”. Mais ante esa realidade cabía dúas vías: “Ou separarnos de Esaña ou facer unha España máis xusta”. E Galiza, incidiu, colleu a segunda.

Nin unha soa proposta do presidente sobre o auto-goberno de Galiza nun momento de profundo debate na reconfiguración do modelo de Estado.

Naval e Industria

Era un dos temas a priori ‘espiñento’ para o presidente após o desvío de parte do seu ‘apadriñado’ flotel de Ferrol a Cádiz. Mais Núñez Feijóo non se arredrou. Presumiu de carga de traballo, de pedidos e de encargos que, segundo el, caracteriza o naval galego “onde antes había baleiro”.

Aliás, o mandatario galego ofreceu á oposición un acordo en torno a un Plan de Diversificación Industrial para poder crear 50.000 empregos nese sector. “Un brinde ao sol” foi un dos comentarios máis característicos nas redes sociais sobre este tema. Desde 2008 e até mediados de 2013 o número de empregos industriais destruídos en Galiza era de máis de 67.000.

Natalidade e I+D+I

A propia Unión Europea, a través dun informe da oficina estatística, Eurostat, recolle nun estudo sobre os nacementos nos 314 territorios da Unión Europea, que Galiza é a terceira con peor rexistro. O propio Estado español recoñece que nunha década Galiza terá 150.000 habitantes menos, o 5% da súa poboación.

Fronte á este escenario, o presidente propón que nos orzamentos de 2015 se destinen partidas a fomentar a natalidade nas familias con rendas baixas.

En I+D+i Feijóo afirmou en sede parlamentaria que situou a Galiza “nos primeiros postos” do Estado, algo que teñen desmentido técnicos, investigadores e mesmo universidades. Sobre as universidades, o presidente galego limitouse a sinalar que van ter asegurado o financiamento preciso.

Lei do Solo, pesca e Unión Europea

Na súa hora e 45 minutos de intervención, Núñez Feijóo convidou a un pacto por unha Lei do Solo "estábel", persistiu na idea da fusión de concellos e despachou a crise do sector do mar (máis de 20.000 empregos directos en Galiza) dicendo que pensaba reunirse co comisario de Pesca da Unión Europea.

Comentarios