O debate na G2 só fai un 1% de share

A estratexia do PP -enfriar a campaña- deu os seus froitos e a decisión da CRTVG de trasladar o debate á G2, tamén.

O debate na G2 da pasada sexta feira -gravado a quinta- apenas fixo un 1% de share, máis ou menos o promedio de audiencia da segunda canle da TVG.

Isto supón, en termos absolutos, que apenas 11.000 persoas viron o contraste de impresións entre @s candidatos a Europa de BNG, AGE, PSdeG-PSOE e PP.

A decisión da CRTVG de colocar o debate na súa segunda canle, nunha franxa horaria de audiencia residual, levou o BNG a formular un recurso contra o plano de cobertura da TVG e a RG. A demanda da formación nacionalista -que argumentaba que a programación do debate na G2 era tanto como condenalo a que o visen moi poucas persoas- foi rexeitada pola xunta eleitoral provincial.

En contraste coa TVG, a TVE si decidiu colocar en horario de máxima audiencia, e através da súa primeira canle, os debates eleitorais, quer o realizado a pasada semana entre Cañete e Valenciano quer o que programa esta noite (22.15 h) con PP, PSOE, Coaligación por Europa, IU, UPyD e ERC. Exclúese a coligación Os pobos deciden, na que está integrado o BNG.

A estas alturas da campaña, é ben evidente que o PP aposta nunha campaña de perfil moi baixo e incentiva a abstención, ao considerar que a mobilización d@s votantes -nun momento en que a irritación social coas súas políticas é moi maioritaria- prexudicaría as súas hipóteses de vitoria.

Comentarios