Vlogue de Xosé Mexuto

"O debate da moción demostrou que para a esquerda estatal Galiza non existe"

A moción que censurou Raxoi e abriu as portas da Moncloa a Pedro Sánchez deitou dúas evidencias: o soberanismo vasco e catalán decide no estado e para a esquerda española Galiza non existe. Así o ve Xosé Mexuto, director deste diario dixital, nunha nova entrega do seu vlogue.

O soberanismo vasco e catalán foron decisivos non só do ponto de vista aritmético, senón tamén político, porque -argumenta Mexuto- "foron quen de pór na axenda a cuestión nacional. A cuestión vasca e a cuestión catalá".

Ao mesmo tempo, o debate evidenciou que para "o centro esquerda e a esquerda estatais, Galiza non existe". "Non existe como nación nen como nada", di o director do Sermos dixital. Demostrárono -alega- quer Pedro Sánchez -que se limitou a dar as grazas a Fernán Vello (En Marea) sen se referir a ningún dos problemas do país colocados por este- quer Pablo Iglesias, quen aludiu á existencia de problemas nacionais no estado: o catalán e o vasco, si, mais sen rastro do galego.

Na súa análise, Xosé Mexuto pon en destaque tamén que os 5 escanos de En Marea no Congreso apenas dispuxeron da palabra durante cinco minutos, o que non é senón produto "da peculiar forma de inserción da confluencia galega no grupo chamado confederal de Unidos Podemos".

Comentarios