Davila (BNG) suxire que se aplique a Lei de Partidos ao PP se Rajoy non convencer na súa comparecencia

Recta final na semana da comparecencia de Rajoy no Congreso polo mal chamado caso Bárcenas. Olaia Fernández Davila suxire que se debería aplicar a Lei de Partidos ao PP se Rajoy non convencer ao Parlamento.

Olaia Fernández Davila no Congreso español
photo_camera Olaia Fernández Davila no Congreso español

O 1 de Agosto, e presionado até polo Deutsche Bank (que chegou a manexar a hipótese de "sacrificar" a Rajoy), o presidente do Goberno español vai comparecer na Cámara, nas súas palabras para falar da situación económica e política do Estado. En realidade, irá ao Congreso, despois de se resistir a facelo durante semanas, para esclarecer o financiamento irregular do seu partido durante dúas décadas.

A Lei de Partidos contempla a disolución daquelas formacións que poñan en perigo a democracia. Seríalle de aplicación ao PP, entende a portavoz do BNG na Cámara baixa, en declaracións á axencia Europa Press, caso de Rajoy non dar explicacións convincentes sobre a forma en que o seu partido se ten financiado nos últimos 20 anos.

Como suposto para invocar eventualmente a aplicación da Lei de Partidos, Fernández Davila non só apunta á ligazón entre Bárcenas e Rajoy (aquel foi promovido por este ao seu posto de tesoureiro do partido), senón tamén o nomeamento como presidente do Tribunal Constitucional dun afiliado do PP.

Comentarios