Os datos 'retorcidos' de Feijóo: mentiras e medias verdades do candidato do PP no debate

Confrontamos algunhas das cifras e afirmacións lanzadas polo candidato do PP coas súas políticas durante sete anos e cinco meses de goberno. O aluvión de éxitos acabou por debuxar un retrato do país que non se corresponde coa realidade.

Feijóo durante o debate electoral (Foto: TVG)
photo_camera Feijóo durante o debate electoral (Foto: TVG)

O candidato do PP á reelección, Alberto Núñez Feijóo, chegaba ao debate electoral cos deberes feitos. Esa impresión quería transmitir o seu equipo de campaña nas horas previas. “O presidente está analizando e estudando os datos para orientar as súas intervencións”, aseguraba un membro da dirección dos populares galegos a Sermos Galiza. Reforzar a súa imaxe de eficiente xestor público, de artífice da recuperación económica, eis o seu principal obxectivo.

Con esa idea, Feijóo inundou as súas intervencións de cifras e cifras desde o minuto un do debate, poñendo en valor as políticas do seu goberno, especialmente, no seu suposto 'punto forte', o capítulo económico. Unha mensaxe de fondo, construída polo presidente durante os últimos anos: as dolorosas pero necesarias medidas de austeridade permitiron que Galiza retome agora a senda do crecemento. O aluvión de éxitos enunciados polo líder do PP galego acabou por debuxar un retrato do país que, como apuntaron os seus adversarios políticos, non se corresponde coa realidade.

Feijóo retorceu os datos, tirou daqueles que lle eran máis favorábeis, para defender unha xestión que non resiste a hemeroteca de dúas lexislaturas. Confrontamos algunhas das afirmacións do presidente da Xunta durante o debate coas súas políticas nos últimos sete anos e cinco meses de goberno.
 

Hoxe hai menos paro, 85.742 parados menos, que cando fun elixido presidente en 2009”

O candidato do PP utilizou un recurso habitual nas súas comparecencias. En vez de citar os datos recollidos na Enquisa de Poboación Activa (EPA), realizada polo Instituto Nacional de Estadística, Feijóo sinalou as cifras de paro rexistrado que publica o Ministerio de Emprego. A diferenza entre ambas é notable. Segundo a EPA, no mesmo período, o desemprego subiu na Galiza en máis de 56.000 persoas. A taxa de paro incrementouse desde que tomou posesión como presidente en cinco puntos. Os analistas coinciden en sinalar a EPA como indicador principal fronte o paro rexistrado, posto que ofrece cifras máis detalladas e é o único tido en consideración polas estatísticas oficiais da UE (Eurostat).

Segundo a EPA, no mesmo período, o desemprego subiu en Galiza en máis de 56.000 persoas.

O pasado agosto, 94 de cada 100 contratos asinados foron temporais. Hai 106.000 empregados menos con xornada completa e 18.9000 máis a tempo parcial desde 2010, segundo o informe Mercado de traballo 2015 elaborado pola CIG. A taxa de paro xuvenil medrou 13 puntos, até o 43,7%, maquillada ademais por unha elevada emigración –máis de 6.000 menores de 40 anos cada ano segundo o INE– entre a mocidade. Un de cada tres parados de longa duración ten menos de 35 anos; menos da metade das persoas paradas no país cobran algunha prestación por desemprego.
 

“Hai 51.000 afiliados máis á Seguridade Social”

Na mesma liña argumental, Feijóo adiantouse a posíbeis críticas dos seus rivais para amosar a fortaleza da economía galega. Porén, os datos volven desmentir o presidente. En abril de 2009 o número de afiliados á Seguridade Social superaba o millón de persoas, mentres que o último dato publicado pola institución revela que hoxe hai no país 977.335. A iso hai que sumarlle o buraco da caixa da Seguridade Social, en números vermellos e que cada día se fai máis profundo. 

“Temos un 32% máis de prazas públicas para os maiores”

E precisamos un 135% máis. Hoxe existe unha praza por cada 100 persoas con máis de 65 anos (un total de  655.776 persoas no país) cando debería ser de 1,4, segundo indica o último plan xerontolóxico do Ministerio de Sanidade. Para iso sería preciso crear 2.300 prazas máis. Boa proba desta insuficiencia son as 1.700 persoas que agardan aínda por unha praza pública nunha residencia, como reflicten os datos da Consellería de Política Social de maio.

Galiza é a comunidade do Estado con maior peso da oferta privada nas residencias.

A afirmación do presidente fica ao descuberto cando se analizan os datos do conxunto. Galiza é a comunidade do Estado con maior peso da oferta privada nos centros de maiores: 15.759 prazas en residencias privadas, o 78,6% do total, segundo dados do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). 

“Cada día se crean 14 empresas en Galiza”

En termos absolutos, é certo que no primeiro semestre de 2016 naceron 2.556 novas empresas, unha media de 14 diarias. Pero tamén que no mesmo tempo desapareceron 745, unha media de catro cada xornada. No que vai de goberno Feijóo, máis de 11.000 empresas botaron o fecho. Ademais, a EPA resalta a baixa incidencia das novas compañías na xeración de emprego, cunha poboación ocupada que se incrementou nos primeiros seis meses de ano en 1.500 persoas. Sete de cada dez empresas non teñen ningún traballador asalariado. No 25% dos concellos galegos non se creou ningunha sociedade comercial no primeiro semestre. 


“Hai menos lista de espera nos hospitais que cando chegamos o goberno”

As listas de espera hospitalarias son outro dos datos 'retorcidos'. A polémica iniciouse no ano 2015, após anos de recortes e protestas polas listas de espera. A Xunta comezou a aplicar a lei de garantías de prestacións sanitarias pola que o Sergas podía transferir doentes á privada para axustarse aos prazos. Unha norma que deixou boa parte dos dados sobre listas de espera fóra das estatísticas públicas. Aínda así, os dados non se sosteñen. Cando Feijóo tomou posesión, as listas de espera en Galiza estaban no seu valor máis baixo da serie histórica. No segundo trimestre de 2009, o último do goberno bipartito na Xunta, había unha espera media de 67 días para operarse. Tres anos despois, xa co PP na Xunta, chegaba aos 99 días. De feito, seis dos dez trimestres con maiores listas de espera ocorreron durante os gobernos de Feijóo.  

Cando Feijóo tomou posesión, as listas de espera en Galiza estaban no seu valor máis baixo da serie histórica.

“O 70% dos galegos temos un hospital ou centro de saúde novo ou reformado perto da casa”

O 70% da poboación galega vive no 6% do territorio do país. A concentración dos recursos nas principais áreas urbanas deixou un panorama de abandono dos servizos públicos no rural.  E a construción de novos centros sanitarios, como o Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, estivo marcada por protestas masivas que acabaron coa destitución da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. Hospitais novos que agochan un desmantelamento progresivo dos anteriores, co encerramento de centos de camas, servizos e recortes de persoal. Galiza é a segunda comunidade con máis queixas polos servizos de urxencias. A política de “recortes cero” anunciada por Feijóo equivale a 300 millóns menos en gasto sanitario entre 2016 e 2009.   
 

“Incrementáronse un 35% as prazas de comedores escolares”

Mentres implantaba o copago nos mesmos. No ano 2013, o 92% das familias podían valerse sen custo algún dos comedores escolares xestionados directamente pola consellaría de Educación. Coas políticas aprobadas grazas á maioría absoluta do PP, pasou a cubrir só o 56,74%. Un cambio que encareceu un 40% o prezo máximo do menú. Nese momento, Feijóo defendía a medida como imprescindíbel por razóns de “equidade e xustiza social”. 
 

“Atopei un prezo do leite máis baixo que agora”

En 2009 pagábase o litro 33,22 céntimos, este ano a 28,80 céntimos

En ningún momento, nos últimos anos, o prezo do leite fora tan baixo. En 2009, cando Feijóo tomou posesión do cargo, o litro de leite pagábase a 33,22 céntimos de euro de media, fronte os 28,80 céntimos deste ano. De feito, só un ano despois de ser presidente, o prezo do leite caía até os 28,93 céntimos por litro. O mellor ciclo da última década foi en 2008, cando o valor medio roldaba os 45 céntimos. Miles de explotacións lácteas pecharon e das 9.000 que sobreviven, a metade vende habitualmente a perdas.
 

“Na Xunta non hai listas de espera para cobrar a Risga”

De non existir listas de espera, non se entendería que a Xunta destinara 2,1 millóns de euros máis en abril deste ano para axilizar os trámites. Foi o propio Feijóo quen recoñeceu esta situación cando anunciou esta partida adicional destinada, segundo o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a “rebaixar a lista de espera”. As protestas de colectivos sociais foron constantes durante a última lexislatura por este motivo. A Xunta chegou incluso a responsabilizar as unidades de servizos sociais municipais de ser as culpábeis da demora, cando estas son competencias autonómicas. En Vigo, por exemplo, ducias de beneficiarios e beneficiarias da Renta de Integración Social de Galiza (Risga) chegaron a denunciar atrasos na tramitación de até un ano incumprindo a Lei de Inserción Social, aprobada en 2014 polo seu goberno, que fixaba un límite de tres meses. 

Comentarios