“Daremos unha resposta conxunta”, mais “co goberno de España liderando”, di Pedro Sánchez

Pedro Sánchez vén de comparecer en rolda de prensa para informar sobre as medidas que se tomarán desde o Goberno cun comunicado no que chama á "unidade".

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez  [Imaxe: Europa Press]
photo_camera Comparecencia de Pedro Sánchez após o Consello de Ministras [Imaxe: Europa Press]

As medidas “son drásticas e terán consecuencias”, sentenciou o presidente do Goberno ao principio da rolda. Estas comprenden catro grandes bloques: apoio ás traballadoras, apoio á flexibilización, apoio á actividade económica e apoio á investigación. Non obstante, aclarou Sánchez, estas medidas sumaranse a outras novas que irán aprobando. 

As medidas “afectan a todo o Estado español durante 15 días” e a partir de hoxe, mais poderán prorrogarse se fose necesario. Así mesmo, “a autoridade competente en todo o territorio será o Goberno de España”, todo mediante un decreto que entrará en vigor esta mesma noite após a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, informou este sábado que a autoridade competente en todo o Estado será o Goberno de España e engadiu que en virtude desta decisión, os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e todos os corpos policiais autonómicos e locais quedarán so as ordes directas do ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska. Ademais, engadiu que o estado de alarma entrará en vigor esta noite e apelou á unidade de todas as forzas políticas porque veñen “semanas difíciles de sacrificios”.

os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e todos os corpos policiais autonómicos e locais quedarán so as ordes directas do ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska

Así se pronunciou tras un Consello de Ministras extraordinario no Palacio da Moncloa, para decretar o estado de alarma, que se prolongou durante máis de sete horas e que se realizou de maneira presencial. De feito, o vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, participou nesta reunión interrompendo así o proceso de corentena ao que se tiña sometido por estar en contacto coa súa parella, a ministra de Igualdade, Irene Montero, que dou positivo en COVID-19.

Após o citado Consello de Ministras, Sánchez asegurou que o Estado español se enfronta a “unha emerxencia de saúde pública que require decisións extraordinarias” e xustificou que o Consello de Ministras tome agora a decisión de aprobar o Estado de alarma alegando que a situación non é “estática” e hai que ir adaptándose a este escenario “tan dinámico”.

Pedro Sánchez chama á "unidade" e pide deixar de lado "ideoloxías"

Así mesmo, Pedro Sánchez continuou a súa rolda de prensa facendo fincapé na unidade do Estado español. Será este domingo cando se reúna por videoconferencia coas presidentas e presidentes autonómicas. Neste senso, o presidente solicitou "a máxima coordinación desde a unidade”, para as comunidades “situarse detrás do goberno de España”, xa que na loita contra o virus “non hai poderes políticos”, continuou o presidente, “non hai ideoloxías”, “aprendamos de 40 anos de constitución”, sentenciou. “Daremos unha resposta conxunta”, mais “co goberno de España liderando”, xa que “o virus non distingue de ideoloxías nin de cores políticas”, rematou.

Comentarios