mércores 05/08/20

Daniel Castro, o deputado máis novo: "Non vou prometer a acta totalmente convencido por esta Constitución"

Daniel Castro (Ribadeo, 1996) é o político máis novo do Parlamento, que se constituirá o vindeiro 7 de agosto. Por idade será, xunto ao seu compañeiro do BNG Paulo Ríos, o encargado de nomear os deputados e deputadas electas para a toma de posesión das actas desta décimo primeira lexislatura
Daniel Castro (Foto: Agremon, Galipedia)
Daniel Castro (Foto: Agremon, Galipedia)

Que supón para vostede conseguir esta acta de deputado?

A nivel persoal é unha honra enorme. Xa só que o BNG confiase en que eu fose de número 2 pola circunscrición de Lugo pareceume algo incríbel porque non contaba con iso. Foi un salto moi grande e moi forte. E agora, unha vez conseguido, coido que aínda sigo sen ser consciente de todo, até que me vexa no Parlamento non serei realmente consciente. Sinto, sobre todo, moitísima honra e moitísimas ganas de traballar e de facer ver que a elección foi correcta, de non decepcionar e de facerlle o máximo ben a este país porque para iso estarei aí.

En canto ao traballo a realizar no Parlamento, de que área lle gustaría formar parte?

Se tiver que elixir algo, ben sexa polo que estudei ou polo que me gusta, encantaríame traballar defendendo as problemáticas da normalización lingüística, de cultura e de mocidade, pero como se adoita dicir no argot futbolístico 'eu onde me poñan'. Teño moitas ganas de empezar sexa onde sexa porque o que non se sabe, apréndese.

Cales son os puntos fortes e os febles do deputado máis novo do Parlamento galego?

Os puntos fortes son unhas ganas de traballar tremendas e de aprender, sobre todo, e unha confianza ao 100% no proxecto político do Bloque. O punto feble é a miña pouca experiencia.

Que nos pode contar sobre ese primeiro acto de constitución do Parlamento e do labor que lle vai tocar desenvolver como deputado máis mozo?

Por ser o máis novo voume encargar de ler os nomes de todos os deputados e deputadas e nesa tarefa acompañarame o segundo máis novo, que tamén é do BNG, Paulo Ríos, secretario xeral de Galiza Nova. Espero non trabucarme, pero non é unha situación que me poña nervioso. Quizais o que si me preocupa é non decepcionar á hora de tratar temáticas das que aínda non vou ter coñecemento ou non dar o nivel nalgunha actuación por non ter experiencia nas cuestións de índole institucional.

Non ten experiencia institucional pero si en política, xa que forma parte de Galiza Nova desde hai 5 anos. Que cre que aproveitará desa experiencia?

En Galiza Nova comecei a militar hai 5 anos pero xa antes estaba moi próximo. Neste tempo entrei na dirección nacional e tamén tomei parte do consello comarcal da Mariña e, evidentemente, esa experiencia está comigo. Todos facemos política, a distintos niveis e de distinto modo. Hai nada era un universitario e, digamos que dalgunha maneira, aínda non caín da burra e estou como os nenos e as nenas no primeiro día de colexio.

Cando o día 7 de agosto tome posesión da súa acta de deputado ten pensado algún alegato, algo especial?

Tradicionalmente o BNG promete a Constitución por imperativo legal. A nivel persoal no caso de facer algún alegato será referido ao que estamos a vivir na Mariña con Alcoa. Espero no día da toma de posesión non estea todo morto e sen ningunha opción. En calquera caso, o que si podo asegurar é que non vou prometer con total convicción esta Constitución nin tampouco lealdade ao rei.

Nesta semana decisiva para o conflito en Alcoa, como ve vostede a situación?

Por desgraza non creo que o 25 de xullo sexa para a xente de Alcoa unha data de celebración porque o que vexo son dous Gobernos, o español e o galego, pasando a bóla, xogando con milleiros de traballos e co futuro económico e social desta comarca sen ter un mínimo aprezo e sen preocuparse o máis mínimo. Están a voar palabras e ningún feito. Cun PP que se escuda en botarlle as culpas a Madrid e un PSOE e un Unidas Podemos que están a mirar cara a outro lado, literalmente, as traballadoras e os traballadores o que din é "dámoslles igual". A sensación que teñen é que o Goberno español lles está a dar largas até que chegue o día 'D' e non haxa volta atrás. Quero ser optimista, evidentemente, mais non temos toda a forza que quixeramos para poder influír de maneira máis decisiva.

Onde e como celebrará o Día da Patria Galega?

O día 24 de xullo temos un acto de Galiza Nova en Compostela e o máis probábel é que estea alí. Realizaremos a ofrenda a Rosalía e a Castelao e xa o 25 terá lugar o acto do BNG que nesta ocasión será un acto novidoso xa que non se vai poder facer á maneira tradicional e seguro que estarei alí.

Xunto a Alcoa, o outro gran tema mariñán é a Covid-19, cal é a súa lectura da xestión desa crise?

A única lectura que podo facer é que o PP xogou coa saúde dos mariñáns e das mariñás para afanar réditos electorais. Algo manifesto de que se estaban a maquillar as cifras foron os improperios lanzados aos médicos do Hospital da Mariña que se atreveron a dicir que as cifras que estaba a dar o Sergas non eran as reais. Cinco días despois comprobouse que eses médicos estaban no certo. Agora o que temos é unha Mariña onde se negou o voto a 300 persoas, cando é un dereito fundamental. Nun nivel máis persoal, vivín o confinamento na Mariña sen poder facer campaña, só eventos telemáticos, e coa sensación na sociedade mariñá de que as eleccións ían ser si ou si o día 12 e que os problemas virían despois. 

comentarios