Da sobriedade á vergoña allea. Un percorrido por algúns lemas electorais deste 24M

Hai forzas que apostan nos seus lemas electorais en transmitir e comunicar, outras céntranse máis en conectar co receptor e outras en, simplemente, chamar a atención. 

2015-05-12 14.12.37

No remexido de imaxes e mensaxes que para non poucas persoas é unha campaña electoral o de ‘falar dun aínda que sexa para mal’ semella estar interiorizado por non poucas formacións políticas, se ben non todas, cómpre matizar, claro. Todas as formacións que concorren son conscientes da importancia e da repercusión en campaña, e xa en pre-campaña, das súas palabras e accións. Tamén o de dous dos vehículos clásicos de comunicación nestes procesos: a cartelería e o ‘slogan’. Horas de debates, de brain storming, bocetos, discrepancias... agóchanse moitas veces tras o que a ollos dun veciño da pé semella un simple cartaz cun lema.

O lema principal do Partido Popular é o mesmo nesta cita coas urnas para todo o Estado español. “Traballar. Facer. Crecer”. Tres palabras coas que queren resumir de forma directa un relato da súa política. Nalgunhas cidades, os candidatos populares teñen, a maiores, lema propio. Así, en Compostela Agustín Hernández sorría desde os cartaces sobre un “Santiago en Marcha”.

Os socialistas tamén se apontaron a un ‘gobernar para a maioría’ como slogan para todo o Estado. Unha chiscadela con esa maioría ao 99% da nova esquerda e ao relato de que goberna unha minoría? Tamén no PSOE, os candidatos poden ter a maiores un lema propio, como é o caso de Compostela co ‘Recuperar Santiago’ de Paco Reyes.

O poder da xente

O BNG-Asembleas Abertas escolleu como lema un ‘depende de nós’, co que quere transmitir ás persoas que elas teñen nas súas mans a capacidade de darlle a volta a actual situación, desaloxar o PP dos concellos e dar paso a un novo modelo de gobernanza.

As marés ou candidaturas municipalistas enmárcanse na coñecida como ‘nova política’, unha verdadeira máquina no uso e coñecemento dos novos modelos comunicacionais, das redes sociais... Dous exemplos deste tipo de opcións. En Compostela os lemas pasan por ‘Gañemos un Concello aberto’ e por ‘decidamos entre todas e todos’. No caso da Marea Atlántica o ‘Hai marea’ resume nesa lema a idea de forza, unidade e de cambio.

Ruborizarse

É no campo das candidaturas independentes onde abrollan algúns lemas e sloganes que van do riso á vergoña allea. O de Moncho Rodríguez Ares, ex-alcalde de Sada polo PP e que concorre ás súas décimas eleccións municipais, desta volta como independente, é un fenómeno en si propio. ‘Moncho es mucho’, ‘Moncho y Sada, ¡qué pasada!’ ou ‘Tú ya sabes’ foron algunhas das escollas en convocatorias pasadas. Para esta, un directo ‘Te lo dije’, co que lembrar a expulsión dos seus concellais do goberno polo alcalde.

Tamén ten para analizar a campaña do ex-alcalde socialista de Boiro, Manuel Velo, e actualmente candidato por Iniciativa Cidadá. ‘Velo ponas na patela’ ou ‘Dou a cara por tí’ xa se converteron na ‘comidilla’ das conversas sobre a campaña na localidade barbazá.

Mais pouco iguala a Sinaí Giménez, que se presenta en Vigo para alcalde por Iniciativa Viguesa. Xa non é que o primeiro xitano en se candidatar a rexedor en Galiza faga vídeos electorais e lemas coa lenda de ‘Sinaí, o Obama galego’. Fotos dunha integrante de candidatura espida nunha revista reforzan a política como un simple espectáculo, de moi dubidoso gosto.

Comentarios