Após se reunir co BNG, CxG ve "difícil" unha candidatura galega para as europeas

Malia que consideran "non imposíbel" a concorrencia do soberanismo galego nunha única candidatura nas eleccións ao Parlamento europeo, Xoan Báscuas asegurou que "é difícil" debido ás "diferenzas" entre as formacións política

 

Após unha xuntanza desenvolvida esta terza feira entre os líderes de CxG e BNG, o secretario xeral de Compromiso considerou "difícil" a posibilidade de que as forzas políticas soberanistas concorran nunha única "candidatura galega" ás eleccións europeas do 2014. Segundo o voceiro de CxG, para se producir esta confluencia é preciso un "programa de mínimos profundamente europeísta". 

Neste senso, a organización frontista vense amosando contraria á actual andamiaxe política e xurídica das institucións comunitarias. Esta diverxencia entre ambas as dúas formacións podería constituír a principal eiva na procura de artellar esa candidatura galega cara ás europeas. Porén, desde CxG o seu secretario xeral salientou a premura das valoracións, sendo que esta é a primeira xuntanza dunha rolda de contactos máis ampla que abranguerá outras organizacións políticas. 

Así pois, o portavoz de Compromiso quixo "parabenizar" o Bloque pola iniciativa e a vontade de "priorizar unha candidatura" en chave de país cara aos comicios europeos. A proposta de xerar unha "grande candidatura que leve a voz de Galiza a Bruxelas" foi anunciada polo portavoz nacional do Bloque esta fin de semana nunha entrevista na Radio Galega

Xavier Vence asegurou que a organización frontista aposta na articulación dunha "maioría nacionalista" para combater a crise e as políticas neoliberais. A xuntanza co líder de CxG é a primeira dunha rolda de contactos que se desenvolverán nos vindeiros días. 

Comentarios