Juan Carlos Piñeiro, novo secretario xeral 

“CxG vai facer política con sentidiño, fiscalizando e propoñendo solucións para Galiza"

A formación galeguista vén de renovar a súa dirección durante un congreso celebrado este sábado en Teo. O Consello Nacional estará formado 30 persoas e será paritario.

cxg piñeiro
photo_camera Juan Carlos Piñeiro (Foto: CxG)

Compromiso por Galicia (CxG) renovou os seus órganos de decisión tras catro anos de existencia. A formación galeguista elixiu este sábado o seu novo secretario xeral, Juan Carlos Piñeiro Docampo, durante o segundo congreso de CxG celebrado en Teo. “Compromiso vai facer política con sentidiño, fiscalizando a labor das administracións e propoñendo solucións para os numerosos problemas de Galicia”, asegurou Piñeiro na súa primeira intervención.

O único candidato á secretaría xeral reivindicou o papel da formación como “facho de ilusión” para aqueles galegos e galegas que cren no futuro do país. O congreso –baixo o lema “Renovando o galeguismo. Nova organización. Novas accións”– tamén elixiu os integrantes do  Consello Nacional de CxG, que estará formado por 30 persoas e será paritario. “Reiniciamos un proxecto renovado sobre unhas bases sólidas e unha experiencia acumulada”, sinalou Piñeiro.

Durante o encontro, debatéronse varias emendas e aprobouse o informe de xestión por unanimidade, do que deu lectura o secretario xeral saínte, Xoán Bascuas, que foi arroupado polos asistentes. Entre eles, estivo presente o senador e membro da executiva do Partido Nacionalista Vasco, José María Cazalis, segundo informan en nota de prensa.

 

“O galeguismo ten que ser a referencia de construción do país”

Juan Carlos Piñeiro debullou nos últimos días as liñas políticas do renovado proxecto de CxG. Nunha entrevista publicada pola formación, o novo secretario xeral aseguraba que “Compromiso representa un espazo político ao cal non aspiran outras formacións” porque “é un partido co centro de decisión en Galiza cun proxecto propio de país, sen dependencia de fóra”.

Piñeiro considera que “o galeguismo ten que ser a referencia de construción do país”, no que a súa formación terá un papel importante. “Temos a nosa propia folla de ruta e estou convencido de que CXG escribirá parte do futuro de Galiza”.

Comentarios