CxG recollerá apoios entre a veciñanza de Compostela pola disolución da corporación muncipal

A organización galeguista recollerá sinaturas para instar a Xunta de Galiza a solicitar que o Consello de Ministr@s disolva a corporación e convoque eleccións antecipadas. 

cxg
photo_camera [Imaxe: CxG]

Compromiso por Galicia desenvolverá unha campaña na capital galega a prol da disolución da corporación municipal. Após as 11 imputacións por corrupción que atinxen a maior parte do goberno municipal --incluído o rexedor, Ánxel Currás-- a organización galeguista asegura que a veciñanza ten que "tomar a iniciativa". 

Neste senso, recollerán apoios en forma de sinaturas para instaren o Consello da Xunta a solicitar que o Consello de Ministr@s disolva a corporación municipal e convoque eleccións antecipadas. 

En comparecencia de imprensa, o secretario local de CxG asegurou que "é hora de rematar con esta farsa que é o concello de Santiago de Compostela" logo de se sucederen as imputacións no seo da equipa municipal desde 2012 "sen que os afectados asuman ningún tipo de responsabilidade", afirman no escrito que difundirán entre a veciñanza. 

Así, Compromiso exixirá --de acordo co disposto na lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local-- ao presidente da Xunta que solicite ao Consello de Ministr@s a disolución da corporación municipal, nun procedemento que xa foi activado en anteriores ocasións, a máis recente no concello de Marbella. Así, o goberno español tería de substituír por unha comisión xestora a equipa de goberno entrementres non se convocara un novo proceso electoral. 

Comentarios