CxG ofrécese como "medidador" da unidade e convoca un Foro de partidos

Através dunha carta remitida a IpU, ECpMG, Anova, BNG, Equo, Podemos e EU convocan un novo encontro o sábado 31 de outubro en Compostela. 

[Imaxe: Compromiso por Galicia]
photo_camera [Imaxe: Compromiso por Galicia]

Compomiso por Galicia vén de remitir esta cuarta feira unha carta ás coordenadoras de Iniciativa pola Unión e o Encontro Cidadán por unha Marea Galega, mais tamén ás organizacións políticas Anova, BNG, Podemos, Esquerda Unida e Equo, na que as convoca a un Foro político o vindeiro 31 de outubro (sábado) ás 18h en Compostela. 

Entre as organizacións convocadas non se atopa Cerna nen tampouco outras formacións que se atopan adheridas á Declaración de Conxo (IpU) como o Partido Comunista do Pobo Galego, entre outras. 

No convite, Compromiso ofrécese como "mediador" para que "os partidos implicados e as plataformas expoñan publicamente os atrancos que ven na conformación dunha única candidatura de unidade", sinalan no comunicado remitido á imprensa. 

Na misiva, instan as forzas políticas e iniciativas a prol da unidade a explicar "o traballo que estades a facer" quer á "cidadanía" quer aos medios de comunicación. Neste senso, CxG sitúa como "irrenunciábel" o carácter "público" do acto. 

"Non ten sentido que todos falen dunha candidatura de unidade cando en verdade están dando pasos para que realmente haxa dúas"

A iniciativa de Compromiso parte das decisións adoptadas na súa Convención Nacional decorrida o sábado 24 de outubro na que, din, acordaron "seguir a pelexar" por unha candidatura unitaria galega aos comicios do 20 de decembro. Unha proposta que coincide coa tese defendida polo alcalde de Lalín, Rafa Cuíña, integrante da coordenadora de Iniciativa pola Unión. 

"Non ten sentido que todos falen dunha candidatura de unidade cando en verdade están dando pasos para que realmente haxa dúas, pero aínda ten menos sentido que, coincidindo en criterios programáticos básicos e non habendo diverxencias importantes entre as dúas plataformas, non se poñan dacordo en confluir", sinala Xoán Báscuas, secretario xeral de Compromiso. 

“É o momento de que se deixe todo atrás e se constrúa a unidade sen barreiras", acrecenta. 

Máis en POLÍTICA
Comentarios