CxG e 'Marea galega' achegan posturas sobre unha candidatura de unidade

A xuntanza enmárcase na rolda de contactos deste movemento coas organizacións políticas.

Esta terza feira (1 de setembro) representantes de Compromiso por Galicia e da Coordinadora do Encontro Cidadán por unha Marea galega reuníronse en Compostela para partillaren perspectivas de cara á configuración dunha "candidatura galega de unidade popular" ás eleccións españolas. 

Neste senso, ambas as dúas delegacións amosaron coincidencias na necesidade dun "grupo propio" en Madrid que abranga as "forzas do cambio" da Galiza e que "sirva para propiciar un cambio político e institucional no conxunto do Estado", segundo recolle o comunicado de imprensa remitido pola organización galeguista. 

Compromiso por Galicia decidirá nunha convención nacional de outubro a fórmula de concorrencia ás eleccións españolas

No entanto, Compromiso recalca que a fórmula de concorrencia aos comicios da formación será determinada por unha convención que terá lugar, previsibelmente, no mes de outubro. 

Así as cousas, CxG estudará nos vindeiros días o convite achegado por Marea galega para participar no encontro que están a impulsar e que se desenvolverá o 12 de setembro. 

Aliás, Marea galega e Compromiso salientaron a importancia de que o proceso de conformación desta candidatura conte co "protagonismo cidadán" para o que subliñan a necesidade de desenvolver "metodoloxías de traballo" que así o permitan como a elección de candidat@s através de "primarias abertas á cidadanía".

Comentarios