CxG deixa entrever que avalaría un pacto con EU, mais non con IU

Compromiso quer unha coligación galega con BNG e AGE, isto é, unha candidatura que tamén inclúa  Esquerda Unida. @s galeguistas o que non ven é un acordo estatal con IU. O problema é que EU é a organización de IU en Galiza e non é concebíbel que concorra nunha listaxe distinta á aquela que liderará a marca de Cayo Lara.

Compromiso
photo_camera Compromiso

Senllas delegacións de Anova e Compromiso por Galicia reuníronse esta segunda feira en Compostela para avaliar unha hipotética concorrencia conxunta ás eleccións europeas. No marco das xuntanzas que as organizacións políticas están a desenvolver cara aos comicios do vindeiro mes de maio, Compromiso amosou @s de Beiras a súa vontade por incluír AGE (coligación entre Anova e Esquerda Unida) nunha candidatura soberanista que @s galeguistas esxtenden tamén ao BNG. 

A proposta de candidatura estaría aberta ao apoio de todas as forzas políticas que operan en Galiza, sinalou Paulo Carlos López após a xuntanza. Unha proposta en que "estaría incluída AGE, tanto Anova como Esquerda Unida", explicou. Neste senso, circunscriben un posíbel acordo a que todas as forzas pulen pola "construción dunha Europa máis democrática e solidaria, onde se defenda o noso auto-goberno e se abandonen as políticas de austeridade". 

Sabor agridoce

No entanto, @s integrantes do Consello político de Compromiso aseguraron saír cun "sabor agridoce" do encontro con Anova. Segundo o secretario nacional de organización de CxG, "parece ser que Anova ten outras prioridades á hora de estabelecer as súas alianzas nun segundo nivel", en alusión á hipótese de a forza liderada por Beiras se inserir na coligación promovida por Izquierda Unida. 

Así, se ben consideraron "lexítimo" o estabelecemento destas "alianzas" -que sobardarían o ámbito galego-, para CxG "non deixa de ser un erro" ao lle outorgar a Galiza "un papel secundario. Compromiso avogaría así por que Esquerda Unida se integre nunha candidatura galega allea á promovida desde Madrid.

Esta última hipótese dista moito de ser materializábel, sendo que EU é a organización de IU en Galiza, e que as eleccións se realizan cunha única circunscrición, a estatal. De iren candidatos de EU nunha listaxe só galega, competirían eleitoralmente coa candidatura que apresente a marca liderada por Cayo Lara. E iso é política ficción.

Comentarios