CxG decidirá o 25-X como concorrer ás eleccións europeas

A organización galeguista decidirá nunha Convención electoral nacional esta fin de semana os criterios programáticos sob os que pivotará a súa candidatura ás europeas e a fórmula coa que concorrerán aos comicios do mes de maio. Entre as opcións con máis posibilidades estaría a coligación co PNV. 

congreso
photo_camera [Imaxe: CxG]

A militancia de Compromiso por Galicia está chamada esta fin de semana a decidir cal será a fórmula coa que a organización galeguista concorrerá ás eleccións europeas.

Das dúas opcións baralladas pola formación liderada por Xoán Bascuas --unha "alternativa de país" e a coligación co PNV-- todo apunta a que a opción máis viábel será a de conformar unha candidatura xunto coa organización basca. E é que a candidatura unitaria galega embora "non ser desbotada", sinalou o secretario xeral de Compromiso en conversa con Sermos Galiza, semella non chegar a porto pois, "as condicións" de que se chegue a producir "son abrumadoramente complicadas", indica. 

No entanto, explica Bascuas, "non hai ningunha proposta feita por parte da dirección" e "será a militancia a que decida". Porén, o PNV xa fixo público o nome da persoa que encabezará a súa listaxe electoral ao Parlamento europeo. A que foi presidenta da Cámara basca, Izaskun Bilbao, xa foi candidata nas eleccións de 2009 e conta co apoio d@s tamén soci@s da formación jeltzale, Coalición Canaria. 

Desde Compromiso, Xoan Bascuas insiste en que "corresponde agardar" á Convención nacional do sábado 25 de xaneiro para saber se finalmente a organización galeguista se coligará c@s nacionalistas basc@,s mais de antemán, sinala, "a cabeceira de lista non sería un problema". 

CxG aposta en "máis Europa"

Aliás, a Convención debaterá "os criterios programáticos" sob os que posteriormente se artellará o programa. Neste senso, son dous os eixos arredor dos que pivota a proposta presentada polo Consello Político de CxG e que foi pendurada no web da organización: unha "voz propia" para que Galiza conte con representación directa no Parlamento europeo e a aposta nunha "Europa con maior capacidade política". 

Face a desafección cidadá cara ás institucións europeas, Compromiso propón "máis Europa" no seo dun "outro modelo" de UE. Para a formación galeguista, o actual "non resulta útil" polo que debe ser reorientado. 

Apostar nunha política que vise "a reactivación económica" e "abandone o dogma da austeridade" ou unha "Europa que poña couto aos grandes poderes financeiros" son algúns dos criterios que a militancia de Compromiso debaterá este sábado (25 de xaneiro) en Padrón. 

Comentarios